Formoso visita as obras de mellora das rúas Real e Balsa, nas que se investiron 219.000 euros

TerraChaXa
Estas actuacións permitirán acometer unha reforma integral da zona, mantendo a identidade tradicional das mesmas
obras-rua-real-e-balsa-as-pontes
5 Aug 2025

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita ás obras de mellora que se están a executar na Rúa Real (fase 1) e na Rúa A Balsa (fase 2), na zona da Vila e a súa contorna.

Estes traballos, adxudicados á empresa local Ambientun por un importe de 219.288 euros con cargo á Deputación da Coruña, forman parte do compromiso do executivo local coa conservación do patrimonio histórico e a mellora dos espazos públicos.

Durante a visita, González Formoso destacou que “estas actuacións permitirán acometer unha reforma integral da zona, mantendo a identidade tradicional das rúas e apostando pola recuperación do conxunto histórico pontés, mellorando ao mesmo tempo a calidade de vida da veciñanza”.

Na Rúa Real estase a executar a renovación completa do pavimento e dos servizos existentes. Retírase o pavimento actual e colócase unha nova base con leito de area e morteiro de cemento e area. A nova lousa manterá os niveis actuais e unha disposición semellante á actual, cunha vagada central. Ademais, están a adaptarse os sumidoiros de pluviais, realizando tarefas de limpeza e rexuntado nas zonas lastradas. A actuación complétase coa instalación de novas liñas de iluminación soterradas e balizas que reforzarán a iluminación existente.

Pola súa banda, na Rúa A Balsa, os traballos céntranse na mellora da accesibilidade e dos servizos públicos, incluíndo unha nova pavimentación con formigón armado impreso e coloreado, a ampliación das beirarrúas en 30 centímetros, novas canalizacións para o alumeado, a instalación de báculos e luminarias, así como a renovación das redes de saneamento. Tamén se substituirá a varanda da ponte sobre o río Chamoselo por unha nova estrutura de aceiro galvanizado e pintado.

O rexedor sinalou que “estes traballos seguen os mesmos criterios estruturais e estéticos aplicados noutras actuacións recentes como o calexón do Trigo, a Rúa Perfolla, ou as rúas San Xoán e da Igrexa”.

Ademais, lembrou que o Concello continúa coa súa aposta pola rehabilitación do patrimonio, co proceso de licitación en marcha para a recuperación do inmoble situado no número 3 da Rúa da Igrexa.

⚙ Configurar cookies
0.15875291824341