Foz destina máis do 80% do Plan Único da Deputación a mellorar os accesos a varias parroquias
O Concello de Foz destina máis do 80 por cento dos 410.000 euros que lle corresponden do Plan Único, da Deputación, a mellorar accesos a núcleos de poboación das parroquias de Cangas, Nois, Fazouro, San Martiño e Santa Cilla.
O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, explica que “dos 410.000 euros que lle corresponden ao Concello de Foz do Plan Único da Deputación e que o equipo de goberno decide a que se destinan, máis do 80 por cento dos investimentos van para accesos a diferentes núcleos de poboación de parroquias. Entendemos que é necesario seguir con ese plan de mellora dos accesos das nosas parroquias, que levamos desenvolvendo nos últimos anos, e facelo coas mellores garantías, neste caso apostamos polo aglomerado en quente, que ao final dá moita máis calidade”. O rexedor municipal especificou que algúns dos viarios que se van mellorar son: a estrada de Alemparte a Vilamor, en Cangas; en Nois actuarase en dúas, a que vai de Cabanas a Lamallada e a do Apeadero a Carpacide; en Fazouro a de Bargado a Lousada; en San Martiño a estrada que vai por Xinzo, que sube de Río ata do alto do Carmen; e tamén o acondicionamento dunhas estradas en Santa Cilla.
Javier Castiñeira deu a coñecer que tamén se inclúe “a reforma do alumeado na rúa Eduardo Pondal, a petición da nova asociación, no núcleo urbano de Foz, con practicamente 48.000 euros. Vai na liña que leva o equipo de goberno nestes últimos anos de mellorar os alumeados do concello. E tamén dentro do Plan Único van as partes proporcionais de investimentos en cultura, deportes, turismo e fomento do emprego, con 37.652 euros”.
O alcalde rematou comentando que “son en total 421.496,78 euros, dos cales o Concello de Foz ten que aportar 11.412, 60. Estamos contentos porque é unha aposta polas necesidades básicas das parroquias, onde está practicamente o 45 por cento da nosa poboación e practicamente un 80 por cento do noso territorio. É moi necesario porque é tamén unha forma de apostar pola xente que vive no rural, que non está nos núcleos urbanos, pero contribúe exactamente do mesmo xeito que o resto dos veciños”.