Foz iniciou obras para mellorar camiños na parroquia de San Martiño

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
19 Feb 2020

O Concello de Foz avisa que comezaron as obras de acondicionamento de camiños rurais incluídas no Plan Único 2019. Os traballos iniciáronse no viario Río-O Carme, pertencente á parroquia de San Martiño, actuación que conta cun orzamento de 98.700 euros.

Desde o Concello focense explican que “os primeiros traballos a realizar corresponden ao perfilado e limpeza de cunetas e marxes do camiño, polo que rogamos se circule coa máxima precaución durante o desenvolvemento das obras. O Concello de Foz quere transmitir as súas desculpas polas molestias que se vaian ocasionar durante o transcurso das mesmas. As obras consisten na limpeza e perfilado de cunetas e na mellora do firme, con aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor. Neste camiño que atravesa o barrio de Xinzo ademais do reforzo de sinalización horizontal e vertical incorporaranse badéns para limitar a velocidade, xa que o viario presenta unha recta moi prolongada de baixada que pode dar lugar a unha circulación inapropiada”.

O Plan Único 2019 prevé a renovación de firme de varios viarios das parroquias de Cangas, Nois, Fazouro, San Martiño e Santa Cilla.

Ademais completouse a renovación do abastecemento de auga en Mañente, onde unicamente quedan pendentes uns remates supeditados á obra de emerxencia que está a levar a cabo o Ministerio de Fomento na ponte sobre a estrada Nacional 642. A totalidade dos veciños xa dispoñen de abastecemento nunha tubaxe con garantías que asegura o subministro de auga potable a unha presión axeitada sen risco de roturas. A actuación incluía a substitución da antiga tubería de fibrocemento por unha nova condución de PVC de 125 milímetros de 10 atmosferas de presión, cunha lonxitude total de 1.700 metros.

0.12320399284363