Foz mellorará a rede de abastecemento de auga e viarios no barrio de Alemparte

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
30 Dec 2019

O Concello de Foz mellorará a rede de abastecemento de auga e viarios no barrio de Alemparte, da parroquia de Cangas. Estas obras contarán cun investimento total de 48.000 euros.

O alcalde, Fran Cajoto, anunciou “a adxudicación das obras de renovación do abastecemento de auga e aglomerado de viarios no barrio de Alemparte, na parroquia de Cangas de Foz. As obras, que supoñen un investimento total de 48.000 euros de fondos propios, inclúen a substitución de 350 metros de tubaxe do abastecemento de auga por unha nova canalización de 75 milímetros de diámetro, que inclúe unha boca de rego. Esta actuación é moi necesaria polas roturas continuas que se estaban a producir na rede e que obrigaron a reducir a presión na mesma. As obras complétanse co aglomerado en quente, con mestura bituminosa tipo D-12, de 650 metros de viarios municipais, nos que se prevé o levantado de arquetas, a reposición de sumidoiros danados e o reforzo da sinalización”.

O rexedor municipal destaca que “é unha actuación necesaria nun barrio moi poboado e segue a liña do novo equipo de goberno, que nos comprometemos a traballar tanto nas parroquias como no casco urbano de Foz. Estas obras foron reclamadas xa polos veciños e por FPF na lexislatura anterior e consignada cunha partida propia nos presupostos de 2019. Os servizos técnicos do Concello redactaron o proxecto neste mes de decembro, o que redunda nun mellor aproveitamento dos recursos propios do Concello. Esperamos poder executar as obras entre os meses de xaneiro e febreiro de 2020, se as condicións meteorolóxicas así o permiten”.

0.10267400741577