Fran Fernández Davila, gañador do IX Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade

TerraChaXa
A obra coa que Fernández Davila se impuxo leva por título 'O muro', presentada baixo o lema homónimo
fran-fernandez-davila-premio-agustin-fernandez-paz
27 Oct 2025

O escritor ferrolán Fran Fernández Davila resultou gañador do IX Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, un galardón que recoñece obras que promoven valores de equidade e xustiza social entre o público máis novo. O ditame do xurado fíxose público o sábado 25 de outubro de 2025, durante a gala de entrega do VIII Premio, que na edición anterior recibira a autora Eva Mejuto.

A obra coa que Fernández Davila se impuxo leva por título O muro, presentada baixo o lema homónimo. O relato aborda con sensibilidade cuestións como os segredos familiares, a incomunicación entre pai e filla e a dificultade de expresar as emocións e loitar polos propios soños. A protagonista, Lucía, deixa de xogar ao fútbol cando ten nove anos, logo de que o seu pai lle rompa o balón cunhas tesoiras. Desde ese momento, adestrar convértese para ela nun acto clandestino que lle ofrece os únicos momentos de felicidade da semana. A historia transcende o deporte para afondar nas relacións humanas e na busca da liberdade persoal.

Fran Fernández Davila, nado en Canido en 1974, é enxeñeiro e escritor. Licenciado en Enxeñaría de Minas e Enerxía e cun MBA en Responsabilidade Social Corporativa pola Universidade de Vigo, leva máis de dúas décadas vencellado profesionalmente ao ámbito do frío industrial. A súa traxectoria literaria comezou no ano 2016, participando en diversos obradoiros con autores e autoras de prestixio como Clara do Roxo, Antón Riveiro Coello, Suso de Toro, José Monteagudo, Antonio García Teijeiro, Silvia Penas, Estíbaliz Espinosa, Baldo Ramos ou Míriam Ferradáns.

Ademais de ser un declarado admirador de Alessandro Baricco, Fernández Davila é autor de cinco novelas e tres poemarios, ademais de participar en numerosas publicacións colectivas. O seu talento foi recoñecido con máis de trinta premios literarios.

Entre as súas obras de narrativa destacan A senda de sal (2017, Editorial Galaxia), Alana (2018, Toxosoutos), Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas (2023, Fundación Vicente Risco) e Groenlandia (2023, Literaria Galaxia). No ámbito da literatura infantil e xuvenil publicou O bosque do duque (2022, Editorial Galaxia). En poesía, é autor de Mover os marcos (2019, Instituto de Estudos Miñoráns), Koиpostэla (2023, Concello de Padrón), Palabras mortas (2024, Medulia Editorial) e Atravesar o don (2025, Editorial Caldeirón).

⚙ Configurar cookies
0.068969964981079