Francisco Fernández del Riego ou Don Paco, o homenaxeado laurentino

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Comezan oficialmente os actos de homenaxe ao escritor Fernández Del Riego ao que se lle adica as Letras Galegas 2023
Del Riego letras galegas cartas 2
17 May 2023

Sempre traballou incansablemente e con optimismo, ata os derradeiros momentos da súa vida.

Francisco Fernández del Riego, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá o 7 de xaneiro de 1913, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S.L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.

PRIMEIROS ANOS. Foi o primoxénito dos once fillos e comezou o bacharelato cos bieitos de Lourenzá e rematouno como interno no Colexio da Nosa Señora da Antiga de Monforte de Lemos. En 1930 matriculouse en Dereito na Universidade Complutense de Madrid e foi alí onde comezou a ler a Rosalía de Castro e a Vicente Risco. A proclamación da Segunda República colleuno nesa cidade. Pouco despois a súa numerosa familia trasladouse a Santiago de Compostela e alí foi el tamén, a seguir os seus estudos de Dereito na universidade galega, ao tempo que realizaba tamén a carreira de filosofía e letras.

ANTES DA GUERRA CIVIL. Iniciou a súa actividade literaria con colaboracións na revista Vallibria e xa en Compostela publicou artigos en El Pueblo Gallego, A Nosa Terra e Heraldo de Galicia. En Compostela entrou no Seminario de Estudos Galegos, e incorporouse ao Partido Galeguista logo da súa fundación.[14] En 1932 foi elixido secretario xeral da agrupación Ultreya. Cando se constituíu a Federación de Mocedades Galeguistas foi o seu primeiro secretario xeral, e formou parte do Consello galego de Galeusca.

A GUERRA CIVIL. Con ela chegou a súa inhabilitación na docencia perdendo o seu posto como profesor de Dereito na USC. Fernández del Riego recibiu unha sanción por parte do Tribunal de Orde Pública que fixo que estivera agochado un tempo e, finalmente, decidiu incorporarse ao exército cando foi chamado, para salvar a súa vida. Participou nas batallas do Ebro, Teruel e Estremadura.

A guerra civil foi anos despois material literario da súa novela O cego de Pumardedón (1992), onde a xeración que fixo a guerra aparece representada simbolicamente polo protagonista, un home que queda cego tras o estoupido dunha granada: esa cegueira é unha metáfora da imposibilidade de dar unha visión integral e obxectiva do sucedido.

DESPOIS DA GUERRA CIVIL. Ao rematar trasladouse a Vigo desde onde traballou sempre polo galeguismo e a cultura galega en múltiples iniciativas. En 1940 casou con Evelina Hervella Nieto, farmacéutica de formación, aínda que non exerceu e non tiveron fillos.

En 1947 foi detido, encarcerado e xulgado en consello de guerra, sendo finalmente exculpado. Foi xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto un dos principais impulsores da Editorial Galaxia (1950), e en 1963, xurdiu desta editorial a revista Grial, que Del Riego codirixiu e para a que escribiu de forma asidua recesións literarias e artigos.
O seu traballo no ámbito cultural e a súa extensa obra convérteno nun dos principais intelectuais galeguistas do século XX e comezos do XXI. Entre os seus libros destacan ensaios sobre a cultura e a literatura galegas como Historia de la literatura gallega (1951), Galicia no espello (1954), Diccionario de escritores en lingua galega (1990), A xeración Galaxia (1996) e estranxeiras, como Letras do noso tempo (1974).

Cultivou tamén a narrativa O cego de Pumardedón, 1992, e a literatura de viaxes As peregrinacións xacobeas, 1984. Editou antoloxías poéticas e libros de vocabulario, escribiu gran número de artigos poéticos e biografías. Tamén é autor dun libro de memorias, O río do tempo, 1991. No 2003 recompilou a súa correspondencia con Álvaro Cunqueiro e a editou en Galaxia co título Cartas ao meu amigo. Epistolario Mindoniense, e publicou tamén en Galaxia as súas memorias baixo o título de Camiño andado.
Autor de numerosos limiares, colaborou en publicacións e xornais como Universitarios, Alento, Ser e A Nosa Terra, das cales chegou a ser director; La Noche, Galicia, Galicia Emigrante, Vieiros, Vida Gallega, Heraldo de Galicia, Nós, Grial, El Pueblo Gallego, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Vallibria e Industrias Pesqueras.
En 1995 doou á cidade de Vigo a súa colección de libros, que constitúe a Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego da Casa Galega da Cultura. Foi director da Biblioteca da Fundación Penzol, no mesmo edificio.

“A cultura non se pode politizar seitariamente, perténcelle ao país, que se interpreta a través dela”

Tralo seu pasamento, acaecido en Vigo o 26 de novembro de 2010, as súas cinzas foron depositadas no cemiterio de San Pedro da Ramallosa, Nigrán. En 2023 Galaxia editou a vida en banda deseñada, Francisco Fernández Del Riego, o home que valía por mil , con guión de Antón Mascato e debuxos de Pepe Carreiro.

CONCURSOS. As bibliotecas convocaron o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2023 na súa fase local e no que houbo dúas modalidades, Narracións e Debuxos.

Establecéronse tres categorías para participar: A, ata 8 anos, B de 9 a 11 anos e C, de 12 a 16 anos. O prazo de presentación dos traballos rematou o martes 16 de maio e agora o xurado , seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. Os traballos premiados participarán na fase provincial convocada pola Biblioteca de Lugo.

Francisco Fernandez del Riego 1
Francisco_Fernández_del_Riego_carné_do_Partido_Galeguista_1932
francisco fernandez del riego mozo

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17237591743469