Francisco Javier Fernández Dávila gaña o Certame de poesía Torre de Caldaloba
O xurado do VII Certame de Poesía Torre de Caldaloba outorgaron o primeiro premio deste certame á obra Albatros, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, correspondeu a Francisco Javier Fernández Dávila.
O segundo premio foi para a obra A vasteza do nó, de Rafael Xoán Muñoz Castro (Amauta Castro).
De Albatros o xurado dixo que amosa unha voz poética fresca cuns versos que retumban, que achegan a poesía a outras dimensións. Un poemario de vangarda, talvez unha bomba poética cuxos elementos van irradiar a outros eidos literarios ou non.
De A vasteza do nó, o xurado destaca a composición de estrofas breves que poden lembrar á vertente poética grecolatina. Tamén destaca a creación de sinestesias de alto rendemento poético. A composición dun escenario do desexo, coa descuberta do corpo a través dunha linguaxe de gran acerto literario.
O xurado estivo integrado por Adolfina Mesa, Ánxela Gracián, Armando Requeixo, Cecilia F. Santomé e Xosé Otero Canto.