Francisco Rodríguez ofrecerá en Vilalba unha palestra sobre Rosalía de Castro no marco do mes dedicado á escritora

TerraChaXa
A conferencia afondará na figura e no seu legado desde unha perspectiva cultural, literaria e sociolingüística
palestra-sobre-rosalia-iescha
17 Feb 2026

O Auditorio Municipal de Vilalba acollerá o vindeiro venres 20 de febreiro, ás 20:00 horas, a palestra titulada Rosalía. Proclamar ao mundo que Galiza existe, a cargo de Francisco Rodríguez. O acto enmárcase dentro da programación do Mes de Rosalía e está organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba e o patrocinio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A conferencia afondará na figura e no legado de Rosalía de Castro desde unha perspectiva cultural, literaria e sociolingüística, poñendo en valor o seu papel central na afirmación da identidade galega. Francisco Rodríguez é o comisariado e autor dos textos da exposición co mesmo título, que permanece aberta ao público nestes días na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal, polo que a palestra servirá tamén para contextualizar e ampliar os contidos da mostra.

Licenciado e doutor en Filoloxía Románica, Francisco Rodríguez foi catedrático de Literatura española en ensino secundario e é autor dunha ampla obra de investigación e ensaio en ámbitos lingüísticos, literarios, culturais e políticos. Especialista en figuras clave da literatura galega como Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Blanco Amor, conta con publicacións de referencia e cunha recoñecida traxectoria intelectual.

O acto, de entrada libre ata completar aforo, desenvolverase no mesmo espazo no que se pode visitar a exposición, consolidando Vilalba como un referente cultural na Terra Chá e como escenario de reflexión arredor dunha das figuras máis universais da cultura galega.

⚙ Configurar cookies
0.077821016311646