Friol acolle unha charla sobre as oportunidades das mulleres no rural
Este venres 10 de maio, a partir das 11 horas, terá lugar o encontro Oportunidades e gobernanza das mulleres no rural, en Friol, no marco das xornadas de acción para promover a incorporación das mulleres aos dereitos económicos do sector agrario.
Nesta sesión participarán María Ferreiro, responsable da Secretaría das Mulleres do SLG; Margarida Prieto Ledo, técnica no Sindicato Labrego Galego; e Concha Blanco Montecelos, vogal no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.
Despois dos tres relatorios da mañá farase un descanso para xantar e pola tarde terá lugar a última charla para rematar cunha visita á explotación Casa Bértolo.
As persoas que desexen participar deben inscribirse no 604 027 886.
A charla terá lugar no local da Asociación de Mulleres Rurais Fonte da Xonza, na praza de España.