Friol acollerá a fin de semana a III edición do Maratón de Fútbol Sala

O Concello de Friol, comprometido co fomento do deporte local, colabora activamente no III Maratón de Fútbol Sala, que se celebrará entre os días 1 e 3 de agosto no pavillón municipal de Friol. Grazas ao apoio institucional e loxístico do Concello, este evento retómase tras case unha década de ausencia, consolidándose como unha cita deportiva de referencia na comarca.
O Club Perruquería Mixta FS, organizador do maratón, contará co respaldo do Concello para acoller a 24 equipos nunha fin de semana repleta de competicións. Ademais, o venres pola tarde celebrarase un campionato de tute aberto á participación do público, así como actuacións musicais de dous DJ e sorteos para o desfrute de todas as persoas asistentes.
No acto de presentación do evento, estiveron presentes Daniel Villar Iglesias, adestrador do club, acompañado de Óscar Fernández, Pablo Lorenzo e Samuel del Árbol, membros da organización, xunto co alcalde de Friol, José Ángel Santos, quen destacou: "Desde o Concello de Friol apostamos por iniciativas que dinamizan a vida deportiva e social do noso municipio, apoiando eventos que unen á nosa comunidade."
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o mércores 31 de xullo, agardándose unha ampla participación de equipos procedentes de diferentes puntos da comunidade autónoma.
O Concello de Friol expresa o seu agradecemento ao Club Perruquería Mixta FS, aos patrocinadores e a todas as persoas colaboradoras, animando á veciñanza e visitantes a achegarse e participar deste evento que promove o deporte e a convivencia.