Friol acollerá do 20 ao 22 de xuño as II Olimpíadas Rurais de Galicia

LugoXa | TerraChaXa
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, volveu a destacar a Friol como a localización idónea para este evento, xa que, ademais de ser un concello rural, tamén ten un núcleo urbano marcado
II-Olimpiadas-Rurais-de-Galicia-Friol
17 May 2025

O Concello de Friol acollerá do 20 ao 22 de xuño as II Olimpíadas Rurais de Galicia, que organiza a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Friol.

O acto de presentación desta segunda edición tivo lugar na Praza Andón Cebreiro de Friol coa participación da conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez Rodríguez, que destacou esta iniciativa como "un bo exemplo de dinamización social, económica e cultural nas contornas rurais da nosa comunidade", e salientando que se trata dunha idea importante para preservar as tradicións galegas e xerar actividades atractivas no rural.

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, volveu a destacar a Friol como a localización idónea para este evento, xa que, ademais de ser un concello rural, tamén ten un núcleo urbano marcado, coas instalacións perfectas para organizar este tipo de actividades: piscina, pavillón, campo de fútbol ou espazo para acampada. Asegurou que os visitantes seguro gozarán da gastronomía local e dos recursos turísticos, naturais e paisaxísticos de toda a comarca.

Pola súa banda, Thor López Arias, presidente do colectivo deportivo Hércules, asociación sen ánimo de lucro que fomenta e organiza actividades relacionadas coa práctica deportiva e que se encarga novamente do desenvolvemento do campionato, explicou as novidades desta edición.

PROGRAMA

As II Olimpíadas comezarán o venres 20 de xuño pola tarde coa gala inagural, na que todos os 16 equipos participantes, formados por 20 persoas maiores de 16 anos, desfilarán polo pobo ata chegar á praza de Andón Cebreiro, onde estará situado o escenario para ir presentando a cada un dos equipos.

Despois da gala inagural celebraranse as primeiras probas da competición. Sábado e domingo pola mañá, ao toque de diana, celebrarase un almorzo conxunto no que os centos de participantes degustarán gratuítamente os mellores produtos da zona: queixo, pan, leite, embutidos, froita etc.

Para repoñer forzas a mediodía, o sábado e o domingo celebrarase un xantar conxunto con todos os equipos na praza a cargo de Alejandro Méndez, de Arrocería Os Cachivaches de Lugo.

En canto ás probas, mantéñense a maioría dos xogos tradicionais populares das primeiras Olimpíadas, como os zancos, o lanzamento de lastra, a carreira de sacos, o garrote, dacabalo, a cucaña, as cintas, a corda, a carretilla, a cadeira da raíña, a corda ou os cántaros, con algunhas novidades, como a incorporación dos xogos da billarda e da chave.

O domingo 22 de xuño celébrase a xornada final, coa realización das últimas probas pola mañá e a gala final con entrega de premios, sorteos, agradecementos e despedida xa pola tarde.

Durante toda a fin de semana a música volverá xogar tamén un papel moi importante, enchendo a Friol dun ambiente festivo, con xogos, deporte e diferentes concertos, charangas, djs, animación, concursos, sorteos, etc. N

a noite do venres 20 a praza Andón Cebreiro acollerá as actuacións de Louband, do grupo “Claxon” e “Dj Cosme”. Mentres que na noite do sábado 21 de xuño actuarán “Estopaos”, a banda tributo catalana por excelencia con versións do grupo Estopa, “Broken Peach” e “Señora Dj”. Para rematar coa programación musical, a sesión vermú do domingo estará amenizada pola “Batucada Cadabatu” e o grupo “Los Alcántara”. E na gala final actuará o grupo “La Indirigible”.

O obxectivo destas II Olimpíadas Rurais de Galicia, ademáis de competir na práctica deportiva e dos xogos tradicionais, que volverán poñer a proba a habilidade, forza e destreza dos participantes; será superar o éxito da primeira edición, gozando dunha experiencia distinta e divertida na que se encontrarán xentes de toda España, convertendo a Friol nun auténtico reclamo deportivo e turístico.

Mentres os equipos se enfrontan nas distintas probas, todo Friol estará animado pola música e a gastronomía popular durante as xornadas do sábado e do domingo. Unha celebración que volverá significar para Friol e os municipios limítrofes un forte impacto mediático, económico e turístico.

⚙ Configurar cookies
0.1588978767395