Friol acollerá en abril unha das rutas de sendeirismo inclusivo con cans de terapia

LugoXa | TerraChaXa
Está aberto o prazo de inscrición para esta iniciativa que se celebrará o próximo día 19 pola zona da Fortaleza de San Paio de Narla
ruta-senderismo-inclusivo-con-perros-de-terapia
1 Apr 2026

A Fundación María José Jove (FMJJ) elixiu o municipio lucense de Friol como destino dentro da súa programación de roteiros de sendeirismo inclusivo, unha actividade coa que a entidade pretende facilitar que persoas con mobilidade reducida poidan desfrutar da contorna natural galego.

A proposta da Fundación María José Jove é unha ruta interpretada por Terras de Friol e a Fortaleza de San Paio de Narla. Celebrarase o próximo 19 de abril e os participantes -todas as persoas interesadas poden inscribirse desde hoxe, sendo as prazas limitadas- estarán acompañados por cans de terapia.

Trátase dun percorrido de 4,6 quilómetros, de dificultade media-baixa e que concluirá cunha comida na área recreativa de Castro Friulo. A saída será o domingo 19 de abril ás 09.30 horas, desde a residencia universitaria Rialta (A Coruña), e o retorno está programado para as cinco da tarde en transporte adaptado facilitado pola FMJJ.

Este ano, dentro do seu compromiso coa promoción do lecer inclusivo, a Fundación María José Jove ampliou a súa oferta ata un total de 12 rutas, catro máis que na edición anterior, que se desenvolven nas catro provincias galegas. Ademais, seis destes roteiros son con participación de cans de terapia, incorporando un valor engadido á experiencia. Neste sentido, alén de Friol, para a provincia de Lugo xa están previstas polo menos dúas rutas máis con cans de terapia: en Cospeito, no mes de maio; e en Guitiriz, en xullo.

A presenza dos cans de terapia ten como finalidade que poidan acompañar en todo momento ás persoas participantes para incrementar a súa motivación e estimulación. Durante o percorrido, os animais van maioritariamente con correa e, naqueles tramos que o permitan, poden ir soltos para favorecer a interacción directa cos participantes.

0.1161789894104