Friol acollerá en xuño as primeiras Olimpíadas Rurais de Galicia
O Concello de Friol acollerá do 28 ao 30 de xuño as primeiras Olimpíadas Rurais de Galicia, que organiza a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. A presentación oficial do evento tivo lugar o martes 9 de xaneiro no salón de actos do Centro Sociocultural de Friol, coa participación do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, que estivo acompañado do alcalde de Friol, José Ángel Santos, e o presidente do colectivo deportivo Hércules, Thor López Arias, que se encarga do desenvolvemento do campionato.
Consideran desde o Concello que Friol é a localización idónea para este evento, xa que, "ademais de ser un concello rural, tamén ten un núcleo urbano marcado, coas instalacións perfectas para organizar este tipo de actividades: piscina, pavillón, campo de fútbol ou espazo para acampada".
Habilitarase unha ampla zona de acampada e unha zona camper para furgonetas e autocaravanas, aínda que cada equipo é libre de xestionar o aloxamento pola súa conta. A comarca de Friol ten capacidade hostaleira suficiente para dar servizo aos visitantes, contando ademais coa cidade de Lugo a 20 minutos en coche para poder dar hospedaxe a visitantes que non o atopen no propio municipio ou nas casas rurais próximas.
A inspiración para crear estas primeiras Olimpíadas Rurais de Galicia xorde das primeiras olimpíadas rurais que se celebraron en España: as dos Pedroches (Estraña, Córdoba), que desde hai 14 anos congregan cada verán a 48 equipos de todo o sur para competir nunhas Olimpíadas que recuperan os xogos tradicionais dos pobos.
Para esta primeira edición oficial de Galicia exponse a competición cun máximo de 24 equipos chegados de toda a xeografía española, coa idea de ir aumentando cada ano ata un máximo de 48 equipos en futuras edicións.
As Olimpíadas comezarán o venres 28 de xuño pola tarde coa gala inaugural, na que todos os equipos desfilarán polo pobo ata chegar á praza de Andón Cebreiro, onde estará situado o escenario para ir presentando a cada un dos equipos. Despois da gala inagural celebraranse as primeiras probas da competición.
Sábado e domingo pola mañá, ao toque de diana. Celebrarase un almorzo conxunto no que os preto de 500 participantes degustarán gratuitamente os mellores produtos da zona: queixo, pan, leite, embutidos, froita etc.
As principais probas que se disputarán nestas Olimpíadas son xogos tradicionais populares como os zancos, os tiradores, o lanzamento de lastra, a carreira de sacos, o garrote, dacabalo, a cucaña, os mizos, as cintas, a corda, a carretilla, a sillita da raíña, a corda ou os cántaros.
O domingo 30 de xuño celébrase a xornada final, coa realización das últimas probas e a gala final con entrega de premios, sorteos, agradecementos e despedida. As Olimpíadas pecharanse nunha comida de confraternización cunha paella xigante gratuíta para todos os participantes.
O obxectivo dos participantes e os seus acompañantes debe ser, ademais de competir deportivamente, "pasar unha fin de semana distinta e divertida con moitas novas experiencias".
Cada equipo está formado por 20 persoas maiores de 16 anos, que irán acompañados de familiares e amigos, o que, unido ao público que se concentrará para ver a competición, converterán a Friol esa fin de semana nun auténtico reclamo deportivo e turístico, con bulicio de xentes de toda España.
Durante toda a fin de semana o pobo de Friol vivirá un ambiente festivo, con xogos, deporte e música, con diferentes concertos, charangas, djs, animación, concursos, sorteos, etc. Nas noites do venres 28 e do sábado 29 de xuño celebraranse grandes concertos a cargo de recoñecidos grupos da música española; tras os concertos a música seguirá con dj ata as 2:30 am. Mentres os equipos enfróntanse ás distintas probas, Friol estará animado por charangas durante as xornadas do sábado e do domingo.
"Sen dúbida, a celebración deste evento significará para Friol e os municipios limítrofes un forte impacto mediático, económico e turístico. Espérase que a cobertura televisiva de cadeas nacionais e autonómicas, ademais de emisoras de radio, prensa escrita e dixital, axuden a promocionar o evento e darlle maior repercusión. Desde a organización do evento tamén se potenciará a presenza nas redes sociais para multiplicar o alcance deste acontecemento", explicou o alcalde.
"Desde o Concello de Friol, facendo gala do habitual carácter acolledor das súas xentes, espérase con ilusión a chegada de todos os participantes nestas Olimpíadas Rurais, ademais dos seus acompañantes, familiares e amigos, que seguro gozarán da gastronomía local e dos recursos turísticos, naturais e paisaxísticos da comarca", engadiu.
Entre os membros dos equipos participantes, máis os seus acompañantes e a chegada de espectadores, a organización conta reunir a unhas 15.000 persoas entre as 3 xornadas. "Cun gasto medio estimado nuns 150 euros por persoa, estariamos a falar dun importantísimo retorno económico para toda a comarca, entre hoteis, restaurantes e comercio local", puntualizou Santos.