Friol acollerá o Campionato Rexional da Zona Norte de España de traballo canino

TerraChaXa
Aínda que as probas se desenvolverán durante toda a fin de semana, desde a organización sinalan que o sábado será o día máis atractivo para o público
presentacion-campionato-caza-zona-norte
7 Jan 2026

O concello de Friol converterase os días 10 e 11 de xaneiro no epicentro do traballo canino coa celebración do Campionato Rexional da Zona Norte de España, unha proba clasificatoria para a XXX Copa de España da Real Sociedade Canina de España e puntuable para a obtención do CACT, requisito imprescindible para optar ao título de Campión Nacional de Traballo.

A competición desenvolverase no Campo de Fútbol da Reigosa, en Friol, nunha contorna vinculada á Fortaleza de San Paio de Narla. O campionato reunirá os 21 mellores cans da zona norte do Estado, procedentes de comunidades como Galicia, Asturias, León, Cantabria e o País Vasco, que competirán nunha modalidade coñecida como IGP.

Esta disciplina consta de tres probas diferenciadas. A primeira é a de rastro, na que unha persoa allea ao can marca previamente un percorrido que, tras un mínimo dunha hora, deberá ser seguido polo guía e o animal, sen coñecer o trazado, coa máxima precisión posible, localizando e marcando distintos obxectos depositados ao longo do camiño. A segunda proba é a de obediencia, na que o can debe executar unha serie de exercicios con exactitude, control e actitude positiva. A xornada complétase coa proba de protección, considerada a máis espectacular para o público, na que o can debe localizar a unha persoa figurante, sinalar a súa posición ladrando sen morder e, posteriormente, impedir a súa fuxida ata recibir a orde de soltar por parte do guía.

Os participantes que acaden as mellores puntuacións obterán a clasificación para o Campionato de España, e os seis mellores desta cita estatal representarán posteriormente á Real Sociedade Canina de España en competicións internacionais, que este ano terán lugar na República Checa a comezos do mes de setembro.

O campionato contará como xuíces con José Luis de la Vega e José Luis Lorenzo, mentres que os figurantes serán Iván López, José Almeida e Ugo van de Berlex-Hoeve, baixo a guía de David Rodríguez Almerge. A organización corre a cargo de MECA – Grupo de Traballo, que quixo agradecer de maneira especial a implicación do veciño Marcos Gallego para facer posible que este importante evento deportivo se celebre en Friol.

Aínda que as probas se desenvolverán durante toda a fin de semana, desde a organización sinalan que o sábado será o día máis atractivo para o público, cunha xornada continua desde as 9.00 da mañá ata as 19.30 da tarde. A entrada será gratuíta e o evento está pensado para todos os públicos, coa intención de dar a coñecer unha actividade deportiva diferente e, en moitas ocasións, pouco coñecida.

⚙ Configurar cookies
0.076926946640015