Friol acollerá o día 11 unha nova edición da Feira do Cabalo
Friol volverá contar un ano máis coa súa popular Feira do Cabalo, que se desenvolverá o 11 de agosto no Mercado Municipal con algunha novidade e cambio con respecto a anos anteriores, posto que se realizarán concursos de andadura serrada e galega chapeada, e tamén concurso de trote.
A que xa é a edición número XIV desta feira dará comezo ás 10.30 coa apertura das inscricións na Mesa do Xurado para os concursos, que darán comezo ás 11.00 horas, primeiro para o de andadura serrada non federada e puntuable para o Campionato Galego de Andadura de Tradición. Seguirán coas probas de andadura galega chapeada, ás 11.30 horas, e de trote, ás 12.00.
O xurado repartirá un total de catro premios en cada categoría, con importes entre os 150 euros e os 60, ata un total de 600. Unha vez rematado o concurso, a partir das 12.30, haberá unha gran exhibición de doma co espectáculo Cabalos e razas do mundo coa participación das razas española, lusitanos, galegos, shetland e mini shetland, seguido dunha presentación dos exercicios de ximnasia acrobática dos alemáns de Corinna Sonja. Unha vez finalizado, farase a entrega de premios de todos os concursos, sobre as 14.00 horas.
Pola tarde, retomarase a programación, ás 17.30, coa actuación do famoso burro acróbata Marcial, protagonista do programa da TVG Cos pés na terra.
Finalizará a programación, entre as 18.30 e as 19.30 cunha xincana ecuestre de libre participación. Ademais, entre os asistentes á feira que veñan montando a cabalo, realizarase o sorteo dun poldro.
Dende o Equipo de Goberno, presidido por Jose Ángel Santos, "espérase que os visitantes que decidan achegarse ó noso municipio en este día tan sinalado na programación estival do Concello, poida desfrutar tamén da gastronomía, dos servizos, da riqueza paisaxística e dos monumentos e lugares que temos na nosa contorna".
Engade que "durante estes meses moitos veciños e veciñas que viven e traballan fóra do municipio, e incluso fóra da comunidade, volven a pasar uns días de vacacións con nós. Ademais, moitas persoas que non son do concello, tamén nos escollen para pasar uns días. Para todas estas persoas, e sobre todo para os veciños e veciñas do pobo, organízanse varios eventos e actividades en esta época".