Friol acollerá o domingo unha nova Feira do queixo e do pan de Ousá

TerraChaXa | LugoXa
O próximo día 26 de marzo celebrarase a XXIX Edición da Feira do Queixo e Pan de Ousá no Concello de Friol, tras dous anos.
cartel feira queixo friol presentacion
24 Mar 2023

O Concello ten preparado un ambicioso programa de actividades para celebrar a 29ª edición da Feira do  Queixo e Pan de Ousá de Friol, e que de novo adianta ás 9.30 horas a apertura da Feira e farano nesta ocasión como Festa de Interese Turístico de Galicia, tras obter o distintivo no mes de abril do ano pasado.

Así, o domingo 26 de marzo, Friol convertirase un ano máis na capital galega do Queixo e do Pan, dous produtos totalmente artesáns. Ambos están  elaborados coas mellores materias primas do municipio, e contan cun elemento  fundamental para conseguir a calidade pola que se caracterizan, que é "o cariño que as nosas  queixeiras e os nosos panadeiros e panadeiras amosan no momento da súa elaboración", dixo o alcalde, José A. Santos. 

Este ano contarán con preto de 90 queixeiras e tamén haberá 5 panaderías de Ousá cunha previsión de público de entre 25.000 e 30.000 persoas.

E a maiores, como todos os anos, a capitalidade do municipio estará ese día ateigada de expositores de diferentes sectores, xa que na contorna da carpa principal ubicaranse numerosos stands de produtos agroalimentarios do municipio, tamén de ámbito textil, e distintos postos de hostalería tradicional.

O eixo principal da Feira volverá situarse nunha grande carpa ubicada na praza Andón Cebreiro para a exposición dos produtos. As rúas Deputación e Santa Isabel permanecerán pechadas ao tráfico, dado que estarán destinadas á montaxe de polberías e de tendas ambulantes.

O Concello de Friol organiza un taller de elaboración de queixos, coa finalidade de que a poboación infantil do municipio vexa o traballo que hai detrás dun queixo artesán como o que elaboran as queixeiras.

PROGRAMA 

O programa abrirá ás 9.30 co tradicional lanzamento de foguetes para asignar posteriormente os stands ás queixeiras e panaderías que participen.

Ás 11.00 horas será a apertura da Feira co simbólico corte de cinta. Durante toda a mañá haberá actuacións de pasarrúas e charangas polas rúas do  Concello. Este ano participarán a Xesta Verde de Friol e Cantos de Taberna Son Outeiro, de Outeiro de Rei. 

Ás 19.00 horas celébrase un concerto folk no salón de actos do centro sociocultural de Friol, que este ano corre a cargo de Tanto nos Ten. Ás 22.30 horas comezará a romaría amenizada pola a orquestra París de Noia. O remate oficial da feira será ás 1.30 horas.

O QUEIXO E O PAN

"O queixo de Friol e o pan de Ousá son xa dous produtos consolidados, coñecidos en toda a xeografía galega, e agora empezan a selo tamén no ámbito nacional e incluso internacional.

Son dous produtos que están elaborados con materias primas excelentes, polo que o resultado é máis que óptimo. De feito tanto queixeiras como panaderías teñen moita máis demanda que a súa propia producción. Por iso nos últimos anos fixeron un esforzo transformando e modernizando as súas instalacións para poder ampliar esta producción, sobre todo nas queixerías", explica o seu alcalde.

Elena Candia e a queixeira Josefa Baamonde serán as encargadas do tradicional corte de cinta

A inauguración da 29ª Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá que se celebrará este domingo correrá a cargo da vicepresidenta do Parlamento Elena Candia e a queixeira friolense da parroquia de Condes Josefa Baamonde.

Elena Candia sempre tivo un claro compromiso co sector primario e particularmente co sector lácteo, así como tamén destaca a importancia da elaboración de campañas e promocións para que a xente compre no pequeno comercio e se consuman produtos de proximidade e de calidade como son os que se producen no rural galego, particularmente os produtores da provincia de Lugo, así como a posta en marcha de un programa para fomentar entre os máis novos o relevo xeracional no sector primario.

Josefa Baamonde é veciña da parroquia de Condes, concretamente do lugar de A Edreira. É titular de unha explotación bovina onde produce leite e á súa vez tamén ten gando dedicado á produción de carne, pero tamén saca tempo para transformar o leite das súas vacas en espectaculares queixos, leva uns dez anos asistindo como produtora de queixos á Feira de Friol. Os seus queixos destacan por ser suaves, de codia fina e de interior cremoso, é dicir, o típico queixo tradicional de Friol.

cartel feira queixo friol
cartel feira queixo friol programa
abren a cinta inaugural feira queixo
0.40883302688599