Friol acollerá unha etapa da Marcha Ciclista Unificada
O Concello de Friol acollerá a segunda etapa da Marcha Ciclista Unificada, que durante catro días percorrerá as catro provincias galegas.
A Marcha Ciclista Uunificada que organiza Special Olympics Galicia para persoas con e sen discapacidade intelectual chega este ano á súa décima edición, e nesta ocasión, como novidade, pasará polas terras de Friol levando a cada recuncho o deporte e a inclusión social.
A etapa de Friol realizarase con saída e chegada no campo de fútbol municipal de A Reigosa e conta con un percorrido de aproximadamente 24 km.
O alcalde da localidade de D. José Ángel Santos Sánchez amosou hoxe o seu compromiso con esta iniciativa deportiva, que dará comezo o vindeiro 29 de setembro. Fíxoo acompañado pola concelleira de Cultura Ángeles Buján e polo presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, quen salientou a importancia de chegar a unha décima edición “hai 10 anos a proba cicloturista era unha experiencia piloto, e hoxe as nosas marchas unificadas son xa un referente no movemento de Special Olympics”.
A 10ª Edición das Marchas Ciclistas Unificadas comezará o 29 de setembro na localidade ourensá de Baños de Molgas, continuará o día 30 en Friol, o día 1 en Santiago de Compostela e rematará o día 2 de outubro en Vilagarcía de Arousa.
Catro días de ciclismo inclusivo que nesta ocasión contará coa participación de cinco entidades da discapacidade intelectual a través das diferentes xornadas. Estas entidades son Prodeme (Monforte de Lemos), Aspanas (Ourense), Aspas (Santiago de Compostela), Chamorro (Narón) e Con Eles (Vilagarcía). Todos eles contarán co apoio da organización así como de clubs ciclistas locais e voluntarios que darán apoio en todas as actividades da xornada.
O alcalde da localidade lucense de Friol indicou que “dende o primeiro momento que nos propuxeron esta colaboración dixemos que si, xa que é unha iniciativa moi interesante e necesaria, e con esta colaboración creemos que podemos poñer o noso graniño de area, facendo que estas persoas poidan desfrutar de unha actividade coa que sentirse ben consigo mesmos e co seu entorno”.