Friol acolleu a presentación do programa Comedores Responsables KM 0, elaborado por 8 GDR

LugoXa | TerraChaXa
Busca impulsar a alimentación saudable, sostible e de proximidade nos comedores escolares e sociais nos concellos do territorio
presentacion-comedores-responsables-km0
16 Oct 2025

O Centro Colaborativo de Friol foi o escenario da presentación do programa Comedores Responsables KM 0 no territorio do GDR Comarca de Lugo, un proxecto que en 8 GDRs de Galicia, busca fortalecer o vínculo entre o medio rural e os comedores colectivos, promovendo unha alimentación máis saudable, sostible e comprometida coa produción local.

O acto contou coa participación de José Ángel Santos Sánchez, presidente do GDR Comarca de Lugo e alcalde de Friol; Lorena López Cedrón, xerente do GDR Comarca de Lugo; Isabelle Gómez Rodríguez, xerente da empresa Traloagro; e Rocío García Carregal, responsable da asistencia técnica do programa Comedores Responsables KM 0. Ademais, acudiron representantes do sector educativo, produtoras locais, responsables de comedores e autoridades municipais, que mostraron o seu apoio a esta iniciativa que pon o foco na calidade e na orixe dos alimentos que chegan aos menús escolares e sociais.

Durante a súa intervención, o presidente do GDR, José Ángel Santos, destacou que “este proxecto é unha oportunidade real para conectar o traballo das nosas produtoras e produtores coas escolas, residencias e centros sociais, xerando sinerxías que fortalecen o rural e contribúen a crear unha sociedade máis consciente”. Engadiu que “a través de Comedores Responsables KM 0 queremos avanzar cara a un modelo de consumo máis responsable, que valore o produto galego e recoñeza o esforzo de quen traballa cada día no campo”.

Pola súa banda, Lorena López Cedrón, xerente do GDR Comarca de Lugo, destacou “a boa acollida que o proxecto está a ter entre os centros e entidades locais”, e sinalou que o obxectivo é “acompañar a todos os axentes implicados —equipos de cociña, responsables de comedores, produtoras e administracións— para facer posible unha transición real cara a unha alimentación máis próxima, máis sa e máis xusta”.

A intervención de Isabelle Gómez Rodríguez, xerente da empresa Traloagro, puxo o foco na importancia de crear canles de distribución curtas e estables que conecten directamente o campo co prato: “o proxecto KM 0 axúdanos a tecer relacións directas cos centros consumidores e a dar visibilidade ao traballo do pequeno produtor, garantindo alimentos frescos e de tempada que manteñen o sabor e a identidade do territorio”.

Finalmente, Rocío García Carregal, técnica responsable da asistencia do programa, explicou que “Comedores Responsables KM 0” nace tamén como ferramenta de apoio á nova normativa estatal que, a partir de 2026, fará obrigatorio que os comedores escolares incorporen unha porcentaxe significativa de produtos frescos, de tempada e de proximidade. “Por iso”, engadiu, “estamos organizando encontros e sesións formativas para que todos os centros estean informados e preparados para aplicar estas novas medidas con éxito”.

O programa Comedores Responsables KM0, coordinado pola Asociación Terras de Compostela, desenvólvese no marco da colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, e abrangue as anualidades 2025, 2026 e 2027.

En total, participan oito GDR, que agrupan 86 concellos galegos e unha poboación próxima ás 710.000 persoas: GDR 04 Comarca de Lugo, GDR 05 Miño Ulla, GDR 08 Sil Bibei Navea, GDR 11 Adercou, GDR 16 Pontevedra Norte, GDR 19 Terras de Compostela, GDR 21 Comarca de Ordes e GDR 22 Costa da Morte.

O encontro de Friol serviu tamén para reforzar a colaboración entre entidades e para poñer en valor o papel dos comedores como espazos educativos, onde a alimentación se converte nunha ferramenta de aprendizaxe e respecto polo medio. O público asistente coincidiu en destacar a relevancia desta iniciativa e o seu potencial transformador para o rural galego.

O proxecto Comedores Responsables KM0 busca fomentar a produción alimentaria de base local, potenciar o consumo responsable e apoiar o desenvolvemento sostible do medio rural galego. Está financiado no marco do convenio de colaboración entre AGADER e os GDR de Galicia, no contexto da Estratexia Europea Da Granxa á Mesa.

⚙ Configurar cookies
0.070096969604492