Friol adxudica dúas obras nas zonas rurais
Friol adxudica dúas obras importantes para o concello, a primeira obra é a do Plan Marco de Mellora de Camiños, cun importe de case 116.500 euros, e que foi adxudicada á empresa J. Sanjurjo Construcións S.L. Este proxecto inclúe varias melloras, como son máis de 3.000 metros cadrados de selado de camiño, case 400 metros cadrados de ampliación de varrido, bacheo DTS e selado e máis de 56 m cadrados de formigonado.
O prazo total de execución será de 22 días hábiles. Estas obras financiaranse con cargo a unha subvención do Agader. O control de calidade das mesmas levarase a cabo pola empresa Inveco S.L. por un importe total de 1.441,11 euros.
"É un proxecto de gran importancia para a poboación de Friol", pois se trata de realizar a mellora e mantemento dos camiños municipais de varias parroquias, como son a de Lamas, Rocha, Carballo, San Martiño de Condes, Vilalvite, Vilafiz, Guldriz, O Pacio, Xiá e Guimarei. Debido ás condicións normais do tráfico, o paso de maquinaria agrícola ou para traballos forestales, as condicións atmosféricas e o paso dos anos, os camiños obxecto do proxecto deterioráronse considerablemente, resultando complicado o paso nalgunhas zonas. Así, as actuacións a realizar irán encamiñadas a reparar os desperfectos ocasionados e a previr que se produzan máis danos.
O segundo proxecto, o do Camiño Real, cun importe de 50.000 euros, foi adxudicada á empresa Fevisa Vías e Obras S.L. Dita oferta que presentou a empresa adjudicataria inclúe varias melloras, como a colocación de carteis informativos. O prazo total de execución será de 25 días hábiles e estas obras financiaranse, en parte, con cargo a unha subvención concedida pola Axencia de Turismo de Galicia e ás arcas municipais.
Este proxecto supón melloras no Camiño Real que servía de unión entre o Camiño Primitivo e o Camiño do Norte, unindo estes desde Lugo ata Sobrado dos Monxes. Ademais esta ruta utilízase na actualidade como ruta de sendeirismo.
O camiño transcorre por terreo municipal e no punto kilométrico 6,4 destaca a presenza do dolmen da Muruxosa, a menos de 15 metros do Camiño Real. Con estas obras realizaranse as actuacións necesarias para proceder ao afirmado e pavimentación, así como á construción dun drenaxe lonxitudinal e transversal adecuado e a sinalización do trazado.
Todas estas actuacións conlevan unha considerable mellora na calidade de vida dos habitantes do municipio, pois a mellora de todos estes camiños facilitará o acceso a leiras e o paso de maquinaria, algo imprescindible para o traballo diario nas explotacións gandeiras e agrícolas existentes en Friol.
Para o Equipo de Goberno isto é algo de vital importancia e no que traballan cada día e como di o alcalde Jose Ángel Santos "o noso é un municipio principalmente gandeiro, polo que todo o que fagamos para mellorar o día a día dos nosos veciños é fundamental".