Friol arranca este sábado coa sexta edición do Friulio
A festa castrexo romana, que terá lugar o sábado e o domingo, participarán máis de 30 asociacións de recreación histórica e 500 persoas.
O Concello de Friol e a Asociación de Recreación Histórica A Castronela organizan unha nova edición do Friulio, un encontro entre asociacións castrexas e romanas que recrearán durante esta fin de semana do 11 e 12 de maio os modos de vida, costumes e crenzas de ámbalas dúas culturas.
Nesta sexta edición da festa volverán participar diferentes asociacións castrexas e romanas chegadas de toda Galicia e tamén de outras comunidades de España, que forman parte activa en eventos de interese turístico internacional, nacional ou galego, especialmente o Arde Lucus.
En total este VI Friulio contará coa participación de máis de 30 asociacións de recreación histórica, música tradicional e divulgación cultural, coa colaboración das asociacións culturais de Friol, contando coa participación directa de máis de 500 persoas entre figurantes e outras funcións arredor desta festa de recreación histórica.
As actividades principais da festa volverán estar situadas en torno ó paseo fluvial, co establecemento do castro galaico, onde se manterá a recreación de oficios, e o campamento romano. Ambos os asentamentos son os grandes reclamos do Friulio e poderán ser visitados desde as 11:00 da mañá do sábado ata as 8 do serán do domingo.
O programa de actividades inclúe desde a recreación da vida nun castro ata a elaboración do pan que utilizaban as milicias romanas nos seus desprazamentos, a elaboración do queixo de Friol, desfiles de tropas romanas, ou demostracións e obradoiros de teares castrexos, orfebrería, fiado, coiro, barro e pintura castrexa, tiro con arco e macheta, xogos populares e gastronomía castrexa. Pola parte romana tamén veremos obradoiros de alimentación e medicina, armaduras, cuñado de moedas e comercio.
O Asedio ao Castro volverá ser o momento máis espectacular do Friulio, onde se recreará o asalto das tropas romanas aos castros que existían nas terras de Friol. Outras representacións desta edición serán a Escaramuza Castrexo-Romana e o Descenso en balsa do río Narla o sábado pola tarde; e a Voda Celta e a Liorta polo Tesouro do Castro o domingo pola mañá.
Todas estas actividades levaranse a cabo integramente na vila de Friol, ocupando diferentes ubicacións como as inmediacións do centro e do paseo fluvial, a avenida de Santiago ou a praza de Andón Cebreiro. Para incentivar a ambientación da vila, desde o Concello de Friol vólvese convocar o concurso de escaparatismo e fachadas entre os establecementos públicos e os balcóns das vivendas. Os premios entregaranse durante os actos de clausura o domingo a mediodía, nos que ademais o colectivo da Asociación Cultural Carballo Vivo será nomeada Persoeiro de Honra deste VI Friulio.
A música volverá ter unha grande importancia este ano, coa actuación de diferentes grupos folk en distintos puntos da vila, como Xesta Verde ou Tympana Gallaica. Na noite do sábado celebraranse as actuacións dos grupos Astarot e Rock Legend.