Friol camiñará por unha causa nunha andaina solidaria o 7 de marzo cun percorrido á carta

O municipio de Friol acollerá o vindeiro 7 de marzo a andaina solidaria Friol camiña por unha causa, unha cita deportiva e social que aposta por un formato inclusivo no que o importante non é competir, senón camiñar. A iniciativa, patrocinada polo Concello de Friol, propón un percorrido principal de 16 quilómetros, aínda que cada participante poderá adaptar a distancia ás súas posibilidades.
A proba terá saída e chegada na praza Andón Cebreiro e discorrerá por un circuíto circular de baixa dificultade, debidamente sinalizado con cintas, frechas e marcas no asfalto, atravesando contornos naturais e distintos puntos de interese do municipio. As persoas que non desexen completar o trazado íntegro poderán optar por tramos máis curtos en formato ida e volta, con opcións de sete quilómetros na zona do Sisto ou de oito quilómetros en Vilapedre. Desde a organización recoméndase levar o track descargado no móbil.
A andaina manterá en todo momento o seu carácter non competitivo, polo que non estará permitido correr. Haberá dúas modalidades: Open, aberta á participación con ou sen bastóns, e Nordic Walking Mountain, destinada ás persoas que practican marcha nórdica con técnica específica en contorna natural. A proba será cronometrada para quen complete o percorrido completo, aínda que non haberá entrega de premios.
A xornada comezará ás 09.45 horas cun quecemento grupal dirixido, acompañado de música e DJ. A saída da modalidade Nordic Walking Mountain será ás 10.00 horas, mentres que a categoría Open partirá cinco minutos despois.
A organización disporá dous puntos de avituallamento, situados aproximadamente nos quilómetros 8 e 12, atendidos por voluntariado. Cada participante deberá levar o seu propio recipiente para beber e, no caso de ter alerxias ou intolerancias alimentarias, será responsable de portar os produtos necesarios. O tempo máximo para completar o percorrido será de catro horas e dez minutos; unha vez superado ese límite, o sistema de cronometraxe pecharase automaticamente.
Entre os servizos previstos inclúense duchas na Piscina Municipal e zonas de estacionamento próximas á saída e á meta. As inscricións deberán realizarse de maneira online a través da plataforma do socio tecnolóxico CCNORTE, cun prezo reducido ata o 25 de febreiro. As tarifas variarán segundo os tramos e as idades, con prezos específicos para menores, mantendo o mesmo custo para persoas federadas e non federadas.
A recollida anticipada de dorsais poderá facerse na sede da AECC Lugo durante o xoves e o venres previos á proba, e o propio día da andaina tamén estarán dispoñibles na zona de saída entre as 8.30 e as 9.30 horas.
A participación con cans estará permitida sempre que vaian atados, baixo control directo e cos requisitos sanitarios obrigatorios ao día. Por motivos de seguridade, as persoas que acudan con animais deberán situarse ao final do grupo, extremar a precaución nas zonas estreitas, nos cruces e nos avituallamentos, e levar auga e material para a recollida de residuos.
Desde a organización destacan que Friol camiña por unha causa nace coa vontade de fomentar a participación, a solidariedade e o goce do territorio, cunha proposta pensada para todos os públicos.