Friol celebra a XXXII Feira do Queixo e Pan de Ousá como gran escaparate das súas tradicións

A localidade de Friol acolle a XXXII Feira do Queixo e Pan de Ousá, unha cita que rende homenaxe e contribúe a manter viva a tradición da elaboración destes produtos emblemáticos.
A feira consolídase como unha das grandes referencias do calendario festivo de Galicia e está considerada o principal escaparate turístico do municipio. Nesta edición, unha ampla carpa instalada na Praza Andón Cebreiro acolle os postos de venda de queixo e pan, onde as persoas asistentes poden degustar e adquirir estes produtos tradicionais.
Ademais, a actividade esténdese aos arredores, coa instalación de postos de artesanía e doutros sectores na Praza Rosalía de Castro e nas rúas próximas. Neste caso, o Concello facilita a participación liberando aos expositores do pago de taxas municipais.
A programación inclúe tamén propostas culturais e musicais. Ás 19.00 horas, o salón de actos do Centro Sociocultural será o escenario dun concerto de Bouba Pandereteiras, mentres que a partir das 21.30 horas terá lugar a verbena final, amenizada pola orquestra Capitol.