Friol celebra con éxito o primeiro aniversario do cambio de situación da feira mensual

Friol celebrou este domingo o primeiro aniversario do cambio de situación da Feira Mensual de Friol, que tradicionalmente se celebra o primeiro domingo de cada mes. Despois de máis dunha década no recinto do mercado gandeiro, este volveu celebrarse no centro da capitalidade do municipio.
Así, unha vez máis, centos e persoas e de postos acudiron a esta cita, que contou con moi bo tempo.
O alcalde popular José Ángel Santos asegurou cando presentou a nova norma que “decidimos facer este cambio da nosa Feira Mensual tras comprobar que as transaccións de venda de animais vivos minguara moito nos últimos tempos, así que consideramos que non ten moito sentido manter o resto da infraestrutura da feira nun recinto afastado do centro do pobo”.
O equipo de goberno tomou esta medida co obxectivo de darlle maior potencial á feira mensual e a todo o municipio, "fomentando a calidade e variedade da gastronomía local, promovendo o turismo e propulsando a vida social e cultural".
Desde o Concello cren que co novo emprazamento non só consegue que se acheguen máis veciños e veciñas, senón tamén persoas doutros lugares, que teñen un motivo máis para visitar e coñecer Friol.
Na Praza Andón Cebreiro aséntanse postos metálicos, cubertos e con instalación eléctrica propia que o Concello pon a disposición dos produtores de Friol.
Na praza e nos seus arredores atópanse produtos agrogandeiros, téxtil, artesanía, etc. Os feirantes, que non teñen que pagar taxas municipais, tamén poden situarse no Parque Rosalía de Castro, a Praza Curros Enríquez e a Rúa Santa Isabel para expoñer os seus produtos.