Friol celebra este sábado unha nova edición da Festa do Porco Celta

LugoXa | TerraChaXa
A xornada comezará ás 13.30 horas coa sesión vermú, que contará coa actuación musical do grupo Louband
presentacion-festa-porco-celta-friol
24 Mar 2026

A Praza Andón Cebreiro de Friol acollerá este sábado unha nova edición da Festa do Porco Celta, unha cita gastronómica que combina boa comida, música en directo e ambiente festivo para veciños e visitantes.

Nesta edición, a organización decidiu renovar o formato da celebración para facela aínda máis atractiva, apostando por un ambiente festivo e actual sen perder a esencia da tradición. Para iso, a festa desenvolverase nunha gran carpa, no centro da vila, creando un espazo cómodo e animado no que veciñanza e visitantes poderán desfrutar dunha xornada gastronómica e de convivencia.

A xornada comezará ás 13.30 horas coa sesión vermú, que contará coa actuación musical do grupo Louband, de Sarria. Durante este primeiro momento da festa tamén haberá corte de xamón e degustación de embutidos elaborados con porco celta, unha das razas autóctonas máis valoradas da gastronomía galega.

Ás 15.00 horas celebrarase o prato forte do día coa celebración dun gran cocido de porco celta, que reunirá aos asistentes arredor da mesa para desfrutar desta proposta culinaria tradicional. O prezo do ticket para o xantar será de 25 euros.

A programación continuará pola tarde, a partir das 16.30 horas, cun tardeo que volverá contar coa música de Louband e coa actuación de Jinetes del Trópico, prolongando o ambiente festivo durante toda a xornada.

As persoas interesadas en participar poden reservar os seus tíckets contactando cos teléfonos 678 94 73 99, 662 39 32 15 ou 662 33 68 49.

A iniciativa parte dos propios gandeiros Antonio Díaz, Óscar Santos e Javier Serén, comprometidos coa promoción e posta en valor do Porco Celta e do rural galego. A festa está organizada conxuntamente co Concello de Friol e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Consellería do Medio Rural, Artesanía Alimentaria e Asoporcel.

0.11951303482056