Friol centrará a actividade do 8M nos escolares
Os escolares do CPI Dr. López Suárez de Friol serán os protagonistas dos actos do 8M, Día da Muller, xa que a eles dedicarase o programa deste día, que consistirá nunha serie de charlas.
Así, abrirán ás 10.15 horas cos alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria, que poderán asistir a unha mesa redonda sobre mulleres gandeiras e empresarias coa participación de catro nais do colexio, Gemma Modia, María José Pena, Inés Jul e Sandra Varela.
Ás 12.35 horas será o tempo de falar do patrimonio da vila, nunha sesión para os nenos de 3º e 4º da ESO. Enxalzarase a figura das historiadoras coa presenza de Cristina Barreiro, quen falará da fortaleza de San Paio de Narla.
Rematarán un obradoiro de artesanía dirixido ao alumnado dos tres primeiros cursos de Primaria, da man de Macu Díaz, artesá e emprendedora de Cotá.