Friol conclúe as obras de repavimentación dos accesos a varios núcleos rurais

O Concello de Friol vén de dar por rematado un proxecto de mellora viaria no rural que incluíu a repavimentación dos accesos aos núcleos de Silvarredonda, Bedús, Carballal, Sobrado, Vilapedre, Requeixo, A Vilagrande e O Bullo. A actuación, que contou cun investimento superior aos 182.000 euros, foi cofinanciada a través do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos.
Esta intervención supón un avance significativo para a mobilidade da veciñanza, xa que abrangue estradas municipais que prestan servizo a varias parroquias como Cotá, Vilalvite, Devesa, Ousá, Madelos e Roimil. O deterioro acumulado polo paso do tempo, o tránsito diario, o uso de maquinaria agrícola, os labores forestais e as condicións meteorolóxicas provocara numerosas deficiencias que dificultaban o tráfico habitual.
Os traballos centraronse na recuperación das zonas máis danadas, na limpeza das cunetas para mellorar a recollida das augas de chuvia e na instalación de nova sinalización nos puntos precisos, co obxectivo de evitar o deterioro futuro e incrementar a seguridade da circulación.
Estas melloras permiten facilitar o tránsito tanto para os residentes como para as persoas que se achegan ao municipio ao longo do ano. O alcalde, José Ángel Santos, subliñou que manter en bo estado as vías polas que se circula diariamente “é garantir unha mellor calidade de vida para a veciñanza e tamén ofrecer comodidade a quen visita Friol”.
O equipo de goberno reiterou o seu compromiso de continuar impulsando actuacións viarias que sexan necesarias para reforzar o desenvolvemento e o benestar do municipio.