Friol contará co primeiro centro de atención integral do autismo

LugoXa | TerraChaXa
O alcalde fixo unha valoración da relevancia desta infraestrutura na vila
centro-autismo-friol2
17 Nov 2024

Friol vén de recibir unha das noticias máis relevantes dos últimos anos: a conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou a construción do primeiro Centro de Atención Asistencial e Residencial para persoas con autismo en Galicia. Este proxecto, pioneiro en España, representará un avance importante na atención ás persoas con trastornos do espectro autista e contará con 48 prazas.

O centro, que será construído nunha parcela cedida polo Concello na Rúa do Carballal, suporá un investimento inicial de 4,2 millóns de euros e terá unha superficie útil de aproximadamente 3.200 metros cadrados distribuídos en catro plantas. Ademais de ofrecer espazos de residencia, incluirá talleres, aulas, e zonas de recreo.

Segundo o proxecto, o soto acollerá os servizos comúns, como a cociña, a lavandería, os vestiarios do persoal, o garaxe e as salas de instalacións. No piso baixo, instalaranse os talleres, unha aula de psicomotricidade, salas de reunións, a área de administracións e a direccións.

As dúas plantas altas do inmoble acollerán tres módulos autónomos de oito persoas en cada caso en cada unha das plantas. Algúns dos módulos utilizaranse como respiro familiar.

Ademais, a área exterior será especialmente acondicionada para fomentar a integración coa natureza.

O alcalde, José Ángel Santos explica como será este centro e as repercusións que terá en Friol.

Como recibe a Alcaldía a noticia da construción da nova residencia?

Con satisfacción e con ilusión, asentar este Centro Piloto Asistencial e Residencial para persoas con Autismo no noso municipio para Friol é unha gran noticia, non só por ter un centro de estas características, senón por todo o que vai significar para Friol e para a provincia en xeral, así como destacar a relevancia e importancia que vai supoñer un servizo de esta embergadura para esa parte da sociedade tan necesitada de recursos públicos e tan merecedora de apoio ilimitado por parte das administracións públicas. Por tanto, desde a Alcaldía recibimos este proxecto cos brazos abertos e moi ilusionados por ter Friol en breve un servizo fundamental e básico para todas as familias de Galicia que teñen membros con este tipo de problema. Cremos que con este proxecto en funcionamento marcará un antes e un despois para o noso municipio, en moitos aspectos, por suposto no social, pero tamén no laboral e no plano económico.

Pode avanzarnos os tempos que se manexan para esta obra?

Os tempos que se manexan para esta obra non dependen do Concello, dado que é unha xestión directa da Consellería de Política Social, o que si lle podo asegurar é que vai ser rápida, polos prazos que teñen para xustificar a execución das unidades de obra do proxecto.

Que repercusións terá para Friol esta infraestrutura?

Para Friol suporá un avance importante no eido social, poñerá ao noso municipio no epicentro dos servizos públicos de carácter social e particularmente incluso no ámbito nacional seremos un concello cun centro especializado en autismo innovador e con servizos que a día de hoxe non existe, por tanto, seremos coñecidos en parte por este proxecto. A parte da repercusión especializada, tamén de maneira importante vai influír na mentalidade dos veciños e veciñas do municipio, algo que debemos de ter moi en conta e valorar de maneira positiva, podo asegurar que cando este funcionando con usuarios, a forma de ver a vida os friolenses será doutro xeito, cambiará o día a día do pobo, sobre todo socialmente, conseguiremos unha mentalidade máis aberta e máis colaborativa si cabe, algo que no futuro lle imos agradecer a este centro. E por suposto, grazas a este proxecto, Friol será un polo de atracción para crear ao carón de este centro diferentes negocios de distintos sectores que crearán sinerxías entre todos eles, debido ás necesidades e demandas que van saír dos usuarios, o que supón un crecemento socioeconómico evidente.

Por que se escolleu Friol?

Desde o noso concello sempre tentamos facilitar e fomentar a creación de servizos para o pobo, e este proxecto desta índole era unha oportunidade importante que non podiamos deixar escapar. Tiñamos unha finca que se axeitaba e un lugar propicio para poder construír e poñer en funcionamento este centro que será un referente. Ademais da boa situación que ten o noso concello dentro da nosa Comunidade. Tamén quero agradecer o compromiso e a sensibilidade desde o primeiro momento do presidente da Xunta e da conselleira Fabiola García, que tiveron por implantar este proxecto punteiro en Galicia e en España, e por suposto agradecer a aposta decidida por facelo realidade no meu concello, un servizo novidoso, moi demandado e necesario para unha parte da sociedade tan merecedora e tan agradecida, coa finalidade de mellorar o día a día de todos eles.

Fálenos un pouco do lugar escollido para situala.

A localización escollida é unha parcela situada na rúa Carballal, integrada na capitalidade do municipio, algo que favorecerá que os usuarios se integren todo o posible no pobo, que sexan máis cómodas e fáciles as posibles saídas das persoas usuarias, e que o pobo estea en contacto co centro e coas persoas que viven nel e viceversa. Con esta localización queremos favorecer a integración de todo o complexo e usuarios no día a día do pobo; usuarios, empregados, etc... Ademais, a parcela conta con todos os servizos municipais, acceso rodado, beirarrúas e subministración, polo que facilita moito a construción do edificio e a súa posta en funcionamento. Por outra banda, o equipamento que se vai levar a cabo necesita unha especial vinculación coa natureza e a paisaxe natural debido ás necesidades das persoas que van residir no mesmo, e esta parcela tamén conta cunha parte que se axeita perfectamente a isto.

Temos algún dato máis de como vai ser, quen a vai xestionar?

A entidade sen ánimo de lucro encargada de xestionar o funcionamento do Centro será Aspanaes, fundada en 1979 co fin de dar atención a persoas con trastornos do espectro autista (TEA). A Consellería de Política Social e Igualdade acaba de formalizar o convenio de colaboración con este colectivo, unha asociación considerada como a mellor na xestión, tratamento e seguimento das persoas con autismo de España, por tanto, para Friol, tamén é un orgullo saber que este centro estará xestionado polos mellores profesionais posibles.

0.19497799873352