Friol contará cun curso sobre reparto de tarefas domésticas

LugoXa | TerraChaXa
A actividade terá lugar no Centro Sociocultural, en horario de 16:00 a 21:00 horas
curso-reparto-de-tareas-domesticas-friol
9 Oct 2025

Friol acollerá o vindeiro martes 14 de outubro o curso Xestión doméstica e reparto de tarefas, unha proposta formativa dirixida a promover a igualdade e a corresponsabilidade no fogar. A actividade terá lugar no Centro Sociocultural de Friol, en horario de 16:00 a 21:00 horas, e as persoas interesadas poden inscribirse chamando ao teléfono 982 37 50 01.

O curso ten como obxectivo reflexionar sobre os roles e estereotipos de xénero asociados á masculinidade e á paternidade, así como profundar no concepto de corresponsabilidade desde unha perspectiva baseada nos dereitos humanos e na igualdade. Ademais, buscarase ofrecer estratexias prácticas para fomentar a igualdade e o reparto equilibrado das tarefas domésticas.

Entre os contidos que se abordarán destacan temas como as novas masculinidades, os roles de xénero e a división sexual do traballo, a conciliación e a paternidade positiva, ou a necesidade de avanzar cara a fogares corresponsables e coidados compartidos.

A iniciativa, de carácter gratuíto, está organizada polo Concello de Friol, coa colaboración da Xunta de Galicia, o Ministerio de Igualdade, a Cruz Vermella e a Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural (Afammer), no marco do programa Corresponsables.

⚙ Configurar cookies
0.082620143890381