Friol, Cospeito, Reigosa e Meira acollerán varias citas culturais este sábado

Este sábado chega cargada de propostas culturais e divulgativas en distintos concellos da comarca. Así, en Reigosa, a Casa Sociocultural acollerá ás 16:00 horas unha nova sesión do ciclo Lambiscadas Científicas titulada As velutinas e nós, organizada pola Asociación de Veciños de Reigosa. A charla abordará o impacto da avespa velutina e as medidas para convivir e combater esta especie invasora, dentro dun programa de divulgación científica apoiado pola Deputación de Lugo, XuvenCiencia e outras entidades colaboradoras.
A cultura tamén será protagonista en Friol, onde o Centro Sociocultural acollerá ás 18:00 horas a representación da obra Casting, da compañía Carballo Vivo. Trátase dunha comedia premiada co Premio Lugrís Freire 2025 do xurado á mellor obra, dentro da XVIII Mostra de Teatro Afeccionado do Concello de Sada.
Pola súa parte, o Concello de Cospeito continúa co seu Outono Cultural 2025 e programará ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Feira do Monte a obra Un camiño meteórico, do grupo Os Trocos, escrita por Lui Lai e Guillermo Cancelo, quen tamén asina a dirección.
Tamén ás 20:00 horas, o teatro chegará á Casa da Cultura de Meira dentro do Circuito de Teatro Afeccionado 2025, coa representación da compañía Lume Escénico , que ofrecerá a montaxe Actív@s en colaboración coa Deputación de Lugo e o Concello de Meira.