Friol demandará a Tomé por atentar contra a seguridade vial
Os veciños tamén apoian ao alcalde e tomarán as medidas "necesarias" contra o presidente da Deputación de Lugo José Tomé, ao que consideran culpable do mal estado e do risco que entraña circular polas vías provinciais no municipio de Friol.
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, tacha de "sectario e sen escrúpulos políticos" a José Tomé, ao cal o fai único responsable "do estado lamentable e deplorable da rede viaria provincial, o que supón unha ameaza constante e diaria para a seguridade persoal de quen circule por ditas vías".
Actualmente a Deputación de Lugo conta cuns 125 km de estradas no municipio de Friol, e como indica o alcalde "como mínimo uns 80 km supoñen un perigo e un risco para calquera persoa que circule polos mesmos, debido ao abandono do bigoberno de PSOE e BNG", algo que desde o Concello de Friol "non estamos dispostos a consentir".
Precisamente tamén os veciños se manifestaron estes días nalgunhas de esas vías provinciais, concretamente na LU-P 1611, o cinto comarcal que ao seu paso polo municipio de Friol une os de Begonte con Friol e Guntín, sumando uns 18 km "dos cales a maioría están intransitables". Amosaron o estado da LU-P 2106, que une a capitalidade coas parroquias de Narla e Lamas, o mesmo sucede coa LU-P 2405 ao seu paso polo núcleo de As Pardellas. Tamén mostraron o seu malestar co estado do pavimento da LU-P 2121, a mesma que enlaza o cinto comarcal coa parroquia de Cotá así como a LU-P 2110 ao seu paso por Ramelle e A Rocha e a LU-P 2102 e 2119 que enlazan desde a estrada de Parga ás parroquias de Nodar, Anafreita e Silvela.
Os veciños demandan que a Deputación de Lugo dunha maneira urxente execute as obras de mantemento e rexeneración do pavimento en todas estas vías de comunicación no municipio de Friol e exixen de inmediato que se execute un plan de mellora nas estradas que a Deputación de Lugo posúe no municipio de Friol.
O alcalde considera que "o menosprezo que o presidente da Deputación de Lugo ten con Friol e os seus veciños non se pode tolerar, durante estes últimos catro anos e medio que o Sr. Tomé preside o ente provincial non investiu nin un solo céntimo no mantemento e mellora de estas vías de comunicación, ese fanatismo que o Sr. Tomé ten con Friol, está levando ao abandono total das estradas provinciais e a poñer en risco a integridade física das persoas que circulamos diariamente por esas vías, un perigo extremo de seguridade, que o alcalde non está disposto a permitir".
Afirma que practicamente en todas esas estradas se produciron avarías e incluso saídas de vía de vehículos, e que a Dirección Xeral de Tráfico pode confirmalo, "dado que posúe diferentes actas de atestados dos distintos incidentes que se están producindo nos últimos meses, aínda que tamén é certo que con total seguridade parte de eses contratempos non se puxeron en coñecemento, costeando os propios condutores as avarías producidas polos buratos que existen".
José A. Santos reitera que o "radicalismo do Sr. Tomé" leva a,"debido á súa desidia" no mantemento das vías provinciais ao seu paso polo municipio de Friol, "un retroceso socioeconómico no municipio e un posible estancamento dos sectores produtivos do interior da provincia de Lugo".
O alcalde asegura que se o presidente da Deputación de Lugo non actúa de inmediato e ordena executar as obras necesarias nas estradas anteriormente mencionadas "co obxectivo de evitar que teñamos que lamentar danos persoais ocasionados polo mal estado do firme, desde o Concello de Friol e velando por esa seguridade viaria, tomaremos as medidas xudiciais necesarias co fin de evitar ese risco que supón a utilización de ditas vías, o Sr. Tomé será demandado por poñer en risco a vida dos meus veciños e de cometer presuntamente un delito premeditado contra a seguridade viaria, debido a unha conduta ilícita que pon en perigo a seguridade pública".