Friol inaugura os obradoiros interxeracionais de Nadal cun encontro comunitario

LugoXa | TerraChaXa
O primeiro será no Centro Colaborativo da localidade este xoves 18 de decembro a cargo de Afalu
adornos-nadal
15 Dec 2025

O concello de Friol acollerá este xoves 18 de decembro un obradoiro interxeracional de Nadal que dará inicio á programación destas datas, cunha actividade pensada para fomentar a convivencia, a colaboración e o encontro entre persoas de todas as idades. A cita terá lugar ás 18:00 horas no Centro Colaborativo de Friol e estará aberta á participación da veciñanza sen límite de idade nin experiencia previa.

A iniciativa, impulsada por Afalu en colaboración co Concello de Friol, aposta pola elaboración de decoracións de Nadal en comunidade como unha forma de compartir tempo, ilusión e afecto, valores que desde a organización consideran esenciais nestas datas. O obxectivo principal é crear un espazo de encontro no que maiores, mozos e nenos poidan gozar xuntos dun tempo de colaboración e diversión, reforzando os lazos sociais e o espírito comunitario.

Desde a organización destacan que este será o primeiro dunha serie de obradoiros interxeracionais previstos para o Nadal e animan á cidadanía a sumarse a esta proposta, que combina creatividade, participación e convivencia nun ambiente festivo e inclusivo.

⚙ Configurar cookies
0.081532955169678