Friol inicia este sábado as xornadas de Carballo Vivo
Friol acollerá unha nova edición das Xornadas O segredo do humor: Carballo Vivo, que traerán unha serie de eventos culturais entre o 23 de novembro e o 8 de decembro no centro sociocultural da localidade. Estas actividades, organizadas coa colaboración da Deputación de Lugo e outras entidades, combinan divulgación científica, monólogos e teatro.
A programación comezará o 23 de novembro, neste caso no centro social de Carballo, ás 11:00 con Lambiscadas científicas, unha charla sobre enfermidades transmitidas por carrachas, onde se explicará como identificalas e previlas. A continuación, ás 12:00, o coñecido narrador Celso Fernández Sanmartín ofrecerá un monólogo.
O 29 de novembro, ás 17:30, será a quenda da compañía Bátega Teatro, que representará a obra O pano.
O 1 de decembro, ás 17:00, o grupo Teatro Falcatrueiros achegará o seu espectáculo Asasinato en Brooke Manor, unha proposta que promete intriga e diversión.
Finalmente, o 8 de decembro, tamén ás 17:00, a compañía Rebuldeira Teatro pechará as xornadas coa obra Os vellos non deben namorarse, unha versión teatral do clásico galego de Castelao.