Friol investirá case 350.000 euros en obras de mellora en varias vías

LugoXa | TerraChaXa
Os proxectos inclúen traballos de pavimentación, mellora de firmes, hormigonado de accesos e acondicionamento de pistas agrícolas
obras-melloras-caminos-friol
27 Mar 2026

O Concello de Friol levará a cabo nove obras de mellora de camiños e accesos en diferentes parroquias do municipio cun investimento total de case 350.000 euros. Estas actuacións financiaranse con cargo ao Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2026.

Os proxectos inclúen traballos de pavimentación, mellora de firmes, hormigonado de accesos e acondicionamento de pistas agrícolas, actuacións que teñen como obxectivo mellorar o estado da rede viaria municipal e facilitar a mobilidade da veciñanza.

Entre as actuacións previstas atópase a pavimentación do acceso no núcleo de Cotá, cun investimento de preto de 36.000 euros. Tamén se executará a pavimentación de accesos aos núcleos de Santa Marta, O Vento e Pereira, na parroquia de Vilalvite, cun orzamento de máis de 47.000 euros.

Outro dos proxectos consistirá na pavimentación de accesos no núcleo de Mazcarelle, na parroquia de Ousá, cun presuposto superior aos 48.000 euros. Ademais, levarase a cabo unha actuación semellante no núcleo de Lagouzos, na parroquia de Cotá, cun investimento de case 42.000 euros.

No núcleo rural de Xiá realizarase unha mellora do firme dos accesos, cun presuposto próximo aos 30.000 euros. Tamén se mellorará o firme nos accesos de Enxeito e Carballo, cun investimento de algo máis de 39.000 euros.

Outra das actuacións previstas é a mellora do firme no acceso a Guldriz de Arriba e os seus ramais, cun orzamento superior aos 48.000 euros.

Na parroquia de Condes, concretamente no lugar de Arriba, executarase un hormigonado do acceso a este núcleo rural, cun investimento aproximado de 14.000 euros.

Finalmente, mellorarase o camiño agrícola que comunica os núcleos de Prado e Casanova, cun presuposto de case 40.000 euros.

Desde o Concello destacan que se trata de actuacións de gran importancia para o municipio, xa que permitirán mellorar e manter camiños municipais que dan servizo a varias parroquias e a unha parte importante da veciñanza.

As vías nas que se actuará presentan actualmente un estado deteriorado debido ao uso continuado, ao paso de maquinaria agrícola e forestal, ás condicións meteorolóxicas e ao paso do tempo, o que dificulta o tránsito nalgúns tramos. Por iso, estas intervencións teñen como finalidade reparar as deficiencias existentes e previr novos danos.

Coa execución destas obras mellorarase notablemente a seguridade e a accesibilidade nos camiños municipais, contribuíndo así a incrementar a calidade de vida da veciñanza do Concello de Friol.

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, destacou a relevancia destas actuacións para o municipio e sinalou que “estas obras supoñen un investimento moi importante para seguir mellorando a rede de camiños municipais e garantir mellores accesos ás nosas parroquias e aos núcleos rurais”.

Neste sentido, o rexedor subliñou que “a mellora dos camiños é fundamental nun concello como Friol, cunha ampla dispersión da poboación e cunha gran actividade agrícola e forestal, polo que é necesario seguir investindo no mantemento e acondicionamento destas vías”.

Con estas actuacións, o Concello pretende mellorar notablemente a seguridade e a accesibilidade nos camiños municipais, contribuíndo así a incrementar a calidade de vida da veciñanza de Friol.

0.1176609992981