Friol inviste 110.000 en acondicionar camiños municipais en varias parroquias

O Concello de Friol investirá máis de 110.000 euros na mellora de varios camiños municipais de acceso a diferentes núcleos de poboación do termo municipal. As actuacións, que suman un investimento superior aos 110.000 euros, financiaranse con cargo á convocatoria 2026-2027 das axudas para actuacións en camiños rurais, co financiadas pola Xunta de Galicia a cargo do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Os traballos levaranse a cabo en tres zonas diferenciadas do municipio. A primeira delas será no camiño que conecta a estrada LU-934 (A Pereira) coa LU-P-2119 (A Laxe). Trátase dun camiño principal con dous ramais, que discorre polas parroquias de Silvela e Carballo, estando os ramais situados nesta última. Nesta actuación realizarase a limpeza de cunetas en ambas marxes, o barrido do firme, traballos de bacheo nas zonas máis deterioradas e, finalmente, a extensión dun dobre tratamento superficial para mellorar a durabilidade da vía.
A segunda zona de intervención comprende o camiño que vai desde San Cibrao ata Arriba, que atravesa as parroquias de San Martiño de Condes e San Cibrao da Pregación. Neste tramo executaranse tarefas de limpeza de cunetas nas dúas marxes, varrido do firme, bacheo nas zonas máis afectadas, estendido de capa de saburra e outros traballos complementarios necesarios para garantir unha mellora integral da vía.
A terceira e última actuación realizarase no camiño de acceso ao Burgo de Negral, situado na parroquia do Pacio. Neste tramo tamén se procederá á limpeza de cunetas, varrido, bacheo e outras intervencións destinadas a optimizar a circulación e reforzar a seguridade viaria.
A finalidade deste proxecto é dar solución aos problemas que presentan estes camiños, ocasionados principalmente polo tráfico habitual e polas condicións meteorolóxicas, evitando así danos maiores no futuro que suporían un incremento considerable nos custos de reparación.
Desde o Goberno local subliñan que estas actuacións suporán unha mellora significativa na calidade de vida da veciñanza, facilitando o acceso ás distintas entidades de poboación e reforzando a seguridade viaria no municipio.
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, destacou a importancia de “seguir traballando para tentar mellorar o estado das nosas estradas e camiños, neste caso os que son de titularidade municipal, e mellorar así, na medida do posible, a seguridade viaria dentro do noso municipio”.