Friol inviste 137.000 euros nun plan de mellora de camiños e accesos a núcleos rurais

O Concello de Friol está a executar un proxecto de mellora e mantemento dos camiños municipais de acceso a núcleos rurais, cun investimento total de case 137.000 euros, financiado con cargo ao Plan Camiña Rural 2025-2026 da Consellería do Medio Rural a través de Agader.
As actuacións céntranse nas parroquias de Nodar, O Pacio e Xiá, incluíndo os lugares de Bidueiro, A Cerdeira e Santo Estevo (parroquia de Nodar); A Xesteira, Rétede, Bertamil e Abeledo (parroquia de Xiá); e A Casanova (parroquia de O Pacio). Os camiños presentaban un deterioro notable, provocado polo paso continuado de maquinaria agrícola e polas condicións meteorolóxicas, cunha evidente erosión, perda de material e acumulación de vexetación nas marxes.
O proxecto contempla a limpeza de cunetas en ambas marxes, o varrido das superficies, traballos de bacheo onde sexa necesario e a aplicación dun dobre tratamento superficial para mellorar o firme. "Esta intervención busca garantir a seguridade viaria e optimizar o acceso ás explotacións agrarias, previndo así danos futuros de maior custo", explicou o alcalde de Friol, José Ángel Santos.
Este salientou que “seguiremos aproveitando este tipo de axudas da Xunta de Galicia, xa que con estes plans podemos mellorar parte dos camiños municipais, imprescindibles para a rendibilidade e a competitividade das explotacións gandeiras e agrícolas do noso concello, que constitúen a base da nosa economía”.
Estas obras permiten reforzar a infraestrutura rural e apoiar o desenvolvemento sostible do sector primario local, consolidando o compromiso do Concello de Friol coa mellora continua dos seus servizos e dotacións.