Friol loita contra o cancro coa actividade Somos Chef o día 21 de febreiro

O Concello de Friol acollerá o vindeiro 21 de febreiro a actividade solidaria Somos Chef 2026, unha iniciativa dirixida á infancia que combina diversión, aprendizaxe e compromiso social. O evento terá lugar no Pavillón Municipal, en horario de 17.00 a 20.00 horas, e está pensado para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.
Baixo o lema Somos unidos polo cancro, Somos Chef 2026 propón unha tarde lúdica na que as persoas participantes poderán achegarse ao mundo da cociña da man do chef Remo Pillado, do establecemento ApetéCeme. Durante a actividade, os máis pequenos aprenderán nocións básicas de cociña nun ambiente adaptado á súa idade, fomentando valores como a creatividade, o traballo en equipo e a solidariedade.
A inscrición ten un custo de 10 euros e pode realizarse a través do teléfono 699 925 296. A organización solicita ás persoas inscritas que se presenten no pavillón ás 16.15 horas para a entrega do material, a asignación de grupos e a formalización do pagamento.
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Friol e de ApetéCeme, así como co apoio da campaña solidaria Somos, unidos polo cancro. Con este tipo de propostas, o municipio continúa apostando por actividades educativas e solidarias que implican á comunidade e ofrecen alternativas de lecer de calidade para a infancia.