Friol mellora os accesos ao núcleo de Carballoso

LugoXa | TerraChaXa
O proxecto foi financiado pola Consellería do Medio Rural e executado pola empresa pública Tragsa
obras-carballoso-friol
26 Dec 2025

O Concello de Friol vén de dar por rematadas as obras de mellora dos accesos ao núcleo de Carballoso, unha actuación que supón un avance significativo na seguridade viaria e na calidade das infraestruturas do medio rural. A intervención permitiu renovar e acondicionar os camiños existentes, mellorando de forma notable as condicións de circulación e o acceso ás vivendas da zona.

O proxecto foi financiado pola Consellería do Medio Rural e executado pola empresa pública Tragsa, cun investimento total de 63.980,56 euros. As actuacións realizadas contribúen a reforzar a conectividade do núcleo, facilitando o tránsito de vehículos e ofrecendo unhas condicións máis seguras e confortables para a veciñanza.

O alcalde de Friol salientou que esta intervención respondía a unha necesidade evidente, debido ao desgaste que presentaba esta vía de comunicación no lugar de Carballoso, e subliñou a importancia de continuar investindo en infraestruturas rurais como elemento clave para garantir servizos de calidade e favorecer a fixación de poboación no concello.

Desde o Concello de Friol expresan o seu agradecemento á Consellería do Medio Rural polo apoio prestado e ao persoal de Tragsa polo traballo desenvolvido, reafirmando ao mesmo tempo o compromiso municipal coa mellora continua das infraestruturas e co desenvolvemento sostible do rural.

⚙ Configurar cookies
0.087195158004761