Friol prepara a segunda edición do Concurso de Tapas, que se celebrará do 16 ao 25 de xaneiro

LugoXa | TerraChaXa
A cita terá lugar durante as fins de semana, período no que veciñanza e visitantes poderán percorrer os locais participantes
tapas-recurso
9 Jan 2026

O Concello de Friol, en colaboración coa hostalaría local, organizará o II Concurso de Tapas, unha iniciativa gastronómica que se desenvolverá durante o mes de xaneiro de 2026 co obxectivo de converter a vila nun referente para os amantes da boa cociña. A proposta busca dar visibilidade aos establecementos hostaleiros do municipio, fomentar o consumo de produtos de proximidade e contribuír á dinamización social e económica de Friol.

A cita terá lugar durante as fins de semana comprendidas entre os días 16 e 25 de xaneiro, período no que veciñanza e visitantes poderán percorrer os locais participantes para degustar tapas creadas expresamente para o concurso. As elaboracións combinarán tradición e innovación, facendo especial fincapé na calidade dos ingredientes e na creatividade culinaria.

O concurso desenvolverase en distintos horarios. Os venres 16 e 23, as tapas poderán degustarse entre as 19.00 e as 23.00 horas, mentres que os sábados 17 e 24 e os domingos 18 e 25 haberá servizo tanto ao mediodía, de 12.00 a 15.00 horas, como pola tarde-noite, de 19.00 a 23.00 horas.

Coa finalidade de incentivar a participación do público, a organización estableceu varios premios para as persoas participantes. O primeiro premio consistirá nun lote de produtos valorado en 200 euros máis 300 euros en metálico; o segundo premio estará dotado con 200 euros en efectivo e unha visita para dúas persoas ao MEGA Museo Estrella Galicia; e o terceiro premio será de 100 euros en metálico.

O II Concurso de Tapas do Concello de Friol preséntase así como unha oportunidade para gozar da gastronomía local nun ambiente acolledor, reforzar a participación cidadá e atraer visitantes doutras localidades da comarca. Desde o Concello animan á poboación a sumarse a esta proposta e a descubrir Friol a través dos seus sabores, nunha combinación de boa comida, bo ambiente e identidade local.

concurso-tapas-friol
⚙ Configurar cookies
0.080510854721069