Friol prepárase para a 31ª Feira do Queixo e Pan de Ousá

LugoXa | TerraChaXa
A principal novidade deste ano será un showcooking dentro da carpa durante a mañá
feira-do-queixo-friol
21 Mar 2025

A 31ª edición da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá 2025, recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia desde 2022, celebrarase o este domingo, 23 de marzo.

Este evento, que se ten consolidado ao longo dos anos como unha das citas máis importantes da comarca, continúa a ser un escaparate de promoción do sector primario de Friol e dos seus produtos estrela: o queixo e o pan.

O alcalde de Friol, José A. Santos, destacou a importancia desta Feira para o municipio, resaltando o traballo e dedicación das queixeiras e panaderías locais. “Para Friol esta Feira significa un logro en moitos sentidos, grazas ao empeño e dedicación que amosan todos os anos as nosas queixeiras e as nosas panaderías. Sen dúbida é un éxito chegar a estes máis de 30 anos, e seguimos dándolle difusión no exterior co obxectivo de continuar promocionando o sector primario de Friol e os nosos dous produtos estrela como son o queixo e o pan", explicou o alcalde.

Este ano, a infraestrutura da feira manterase similar á dos últimos anos, cunha gran carpa cubrindo a Praza Andón Cebreiro, onde se situarán os postos de exposición e venda de queixo e pan. A feira tamén ocupará as rúas colindantes, como a Praza Rosalía de Castro, onde se poderán adquirir produtos de diferentes sectores como artesanía, textil, entre outros. Como en edicións anteriores, os expositores non terán que pagar ningún tipo de taxa municipal.

ACTIVIDADES DA FEIRA

A principal novidade deste ano será un showcooking dentro da carpa, onde, durante a mañá, a Arrocería Os Cachivaches de Lugo realizará unha demostración cociñando pratos elaborados con queixo e pan de Friol. Esta actividade engadirá un toque innovador á feira, mantendo a súa esencia gastronómica e popular.

O evento contará tamén con actividades festivas, culturais e musicais que buscan agradar a todos os públicos. O programa, que se mantén practicamente invariable ano tras ano, inclúe a inauguración da 31ª edición o domingo 23 de marzo ás 11.00 horas, pasarrúas a cargo de Xesta Verde de Friol durante toda a mañá, e un concerto de Rosa Cedrón ás 19.00 horas no salón de actos do Centro Sociocultural. A verbena final, que terá lugar ás 22.30 horas, estará a cargo da orquestra New York.

Ademais, un dos momentos máis especiais da feira será a celebración de obradoiros infantís de elaboración de queixo de Friol, unha actividade que se desenvolve na carpa a partir das 12.00 horas. "Para os nenos e nenas é un xogo e tamén unha gran ilusión lograr un queixo artesán feito polas súas propias mans. Para nós, tamén é unha gran satisfacción que os pequenos do noso municipio podan coñecer desde pequenos a maneira de elaborar este produto tan noso e inculcarlles o valor que supoñen estes produtos para o rural", afirmou José A. Santos.

En canto á participación, o alcalde subliñou que nos últimos anos se rexistraron cifras históricas de asistencia, e este 23 de marzo esperan manter esa afluencia de público, alcanzando as 20.000 ou 25.000 persoas. "Sen dúbida, a Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá é un escaparate turístico importantísimo para o noso Concello", afirmou o rexedor.

A feira tamén contará coa participación de aproximadamente 50 queixeiras e 5 panaderías, que estarán expoñendo os seus produtos, ademais dos expositores de diversos sectores artesanais, textil, agroalimentarios e de hostalería tradicional que se situarán na contorna da praza.

"A Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá é, sen dúbida, un dos maiores atractivos turísticos e gastronómicos da comarca, e promete ser unha xornada chea de tradición, cultura e sabor", dixo.

⚙ Configurar cookies
0.11724591255188