Friol presenta un orzamento que supera por primeira vez os cinco millóns de euros

TerraChaXa | LugoXa
O equipo de Goberno de Friol co seu alcalde José Ángel Santos á fronte presentaron uns presupostos ambiciosos para este ano en materia de dotación a investimentos, son uns orzamentos moi estudados e rigorosos, todo en beneficio dos veciños de Friol.
22 Mar 2024

O equipo de Goberno de Friol co seu alcalde José Ángel Santos á fronte presentaron uns presupostos ambiciosos para este ano en materia de dotación a investimentos, son uns orzamentos moi estudados e rigorosos, todo en beneficio dos veciños de Friol.

O Concello de Friol duplica agora o orzamento municipal do presente exercicio de 2024 con respecto ao de hai 8 anos, que en 2016 foi de 2.900.000 euros e ano tras ano vai aumentando ata bater a súa propia marca cunha cantidade que ascende ata 5.205.300 euros.

Durante os últimos anos, o orzamento inicial do Concello de Friol tivo unha tendencia ascendente. Os datos económicos así o poñen de manifesto. Desde a anualidade de 2019, superou os tres millóns de euros iniciais. No ano 2022 iniciouse o exercicio con 3.900.000,00 euros; o ano pasado a previsión inicial foi de 4.265.000,00 euros; e este ano, por primeira vez, supéranse os cinco millóns.

"Trátase dun proxecto de orzamento pensado para manter a prestación de servizos aos cidadáns nas mellores condicións posibles, levar a cabo proxectos de inversión dentro das posibilidades, para dinamizar o tecido produtivo do municipio e dalgún xeito, facilitar e dinamizar as transaccións para o comercio entre particulares, entre particulares e o tecido empresarial, e entre os propios empresarios, con vistas ao crecemento interno e tamén a exportación dos nosos produtos fora do noso municipio", explicou o alcalde.

O capítulo segundo de gastos correntes en bens e servizos representa o 44,67 % do total (2.325.344,24 euros), "que para un Concello como Friol supón un importante esforzo". Con todo este crédito, darán cobertura ao mantemento en bo estado das vías públicas municipais, dedicando á política de gasto de infraestruturas unha cantidade de 462.973,53 euros.

BENESTAR

Para benestar comunitario, cóntase cunha partida de 606.954,93 euros, coa finalidade de mellorar a calidade de vida en xeral, dos friolenses.

Neste apartado darase cobertura ao mantemento en óptimas condicións da rede de abastecemento de auga á capitalidade, igualmente, para a recollida, xestión e tratamento de residuos, en todo o municipio, tamén o punto limpo, limpeza viaria, alumeado público, un servizo que se está renovando constantemente para adaptalo as novas tecnoloxías e menor consumo.

Para a promoción e fomento da educación, cultura e deporte, cóntase para estas políticas de gasto con 602.254,04 euros, dotación suficiente para o apoio ás necesidades do CPI Doctor López Suárez, Punto de Atención á Infancia, Madrugadores, festa da terceira idade, festa da xuventude, a excursión para a terceira idade, a feira do gando vacún, cursos de baile e ximnasia de mantemento, Feira do Queixo e pan de Ousá, o Friulio, "que contribúen a fomentar a educación, a cultura e o deporte, especialmente entre a poboación máis xoven; pero tamén o resto da poboación, coa súa implicación nas feiras indicadas, servindo de referencia para algún dos nosos produtos máis representativos".

"Na política de gasto de Servizos Sociais e Promoción Social, fago unha mención especial para o servizo de axuda a domicilio (persoal, prestación básica non dependentes, dependentes), ou sexa todo o que abarca a política de gasto indicada, dotada cun importe de 971.993,11 euros, case o 19 por cento do Orzamento. É a xente máis vulnerable, é a máis necesitada, e queremos que de ano en ano, melloren as súas condicións de vida", di Santos.

Forma parte desta política de gasto o servizo de atención temperá, con catro profesionais: psicóloga, enfermeira, logopeda e terapeuta ocupacional, que con sede en Friol, agrupa a área xeográfica de Friol, Begonte, Guntín, Palas de Rei e Rábade. Teñen como obxectivo a atención á poboación infantil de 0 a 6 anos (familia e entorno) para dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias e permanentes que presentan nenos e nenas con trastornos en desenvolvemento, ou risco de padecelo.

En transferencias correntes, fundamentalmente subvencións, "facemos un importante esforzo (160.592,66 euros), unha cantidade moi xenerosa para un municipio das características de Friol, non coñezo municipio cun orzamento coma o noso, que alcance esta cantidade", di o alcalde que destaca axudas aos consumos dos puntos de luz en vivendas illadas, de tódolos veciños do municipio que así o solicitaron e que reúnen os requisitos esixidos, axudas á natalidade, axudas a persoas con risco de exclusión social, prevención de condutas aditivas (6.000,00 euros), axudas a varias asociacións culturais (escolas municipais de música con 32.000,00 euros, axudas para todas as festas populares ao aire libre, colaboración con varias asociacións deportivas (26.000,00 euros), axudas para a permuta de fincas e outra axuda moi demanda é a da asociación de familiares e enfermos de Alzheimer (Afalu).

INVESTIMENTOS

Como xa tiveron ocasión de ver, o capítulo dedicado a inversións está dotado dun crédito inicial por importe de 879.526,16 euros. Este capítulo, increméntase en 100.000,00 euros en relación co pasado exercicio. E será incrementado ao longo do exercicio polo produto das xestións desta alcaldía ante outras administracións públicas, especialmente a Autonómica.
destacando as axudas previstas (correntes ou de capital), que xestiona o alcalde e o seu equipo de goberno, procedentes da Xunta de Galicia.

Están previstos 349.359,83 euros, a través do Fondo de Cooperación Local, incluída a liquidación do ano 2022 e fondo adicional; 198.000,00 euros, para tratamentos preventivos mecanizados na prevención de incendios forestais e a axuda para o funcionamento do GES; 1.141.965,97 euros da Xunta de Galicia, para o programa Risga -contratación de dous peóns-, Aprol Rural -contratación dun peón, mantemento do Xulgado de Paz, mantemento do posto de traballo de AEDL, prestación do servizo de atención temperá, axuda para o posto de traballo de traballador social, para o servizo de axuda a domicilio na modalidade de dependencia, para o obradoiro dual de emprego Cumes da Terra Chá VII e para o servizo do Punto de Atención á Infancia, entre outras.

Engándense tamén 116.681,00 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para o plan de mellora de camiños municipais 2024/2025, e do Plan Único está previsto recibir máis de 411.289,82 euros, para obras, programa SAF e contratación de persoal a través do programa Fomento do Emprego.

0.07774806022644