Friol presenta unha nova edición do Friulio
O Concello de Friol presentou a próxima edición do Friulio, a súa festa castrexo-romana, que terá lugar os vindeiros sábado 7 e domingo 8 de maio, no que participarán máis de 25 asociacións de recreación histórica.
O Concello de Friol e a Asociación de Recreación Histórica A Castronela organizan unha nova edición do Friulio, un encontro entre asociacións castrexas e romanas que recrearán durante a fin de semana do 7 e 8 de maio os modos de vida, costumes e crenzas de ámbalas dúas culturas.
Nesta cuarta edición da festa volverán participar diferentes asociacións castrexas e romanas chegadas de toda Galicia e tamén de outras comunidades de España, que forman parte activa en eventos de interese turístico internacional, nacional ou galego, como o Arde Lucus, as Guerras Cántabras ou as Xornadas de ambientación e reconstrucción histórica de Numancia.
En total este IV Friulio contará coa participación de máis de 25 asociacións de recreación histórica, música tradicional e divulgación cultural, coa colaboración das asociacións culturais de Friol, contando coa participación directa de máis de 400 persoas entre figurantes e outras funcións arredor desta festa de recreación histórica.
As actividades principais da festa volverán estar ubicadas en torno ó paseo fluvial, co establecemento do castro galaico, onde se manterá a recreación de oficios, e o campamento romano. Ambos asentamentos son os grandes reclamos do Friulio e poderán ser visitados desde as 10 da mañá do sábado ata as 8 do serán do domingo.
O programa de actividades inclúe desde a recreación da vida nun castro ata a elaboración do pan que utilizaban as milicias romanas nos seus desprazamentos, a elaboración do queixo de Friol, desfiles de tropas romanas, ou demostracións e obradoiros de fiado, teas e complementos, orfebrería, chaveiros, tiro con arco e xogos populares.
O asedio ao castro volverá ser o momento máis espectacular do Friulio, onde se recreará o asalto das tropas romanas aos castros que existían nas terras de Friol. Outras representacións desta edición serán a escaramuza castrexo-romana, o descenso en balsa do río Narla, o enterro celtíbero como peche o sábado á noite e a voda celta o domingo pola mañá, ademais de outras escenificacións como A muller en Roma, El marido chafado ou Liorta polo tesouro do castro.
Todas estas actividades levaranse a cabo integramente na vila de Friol, ocupando diferentes ubicacións como as inmediacións do centro e do paseo fluvial, a avenida de Santiago ou a praza de Andón Cebreiro. Para incentivar a ambientación da vila, desde o Concello de Friol vólvese convocar o concurso de escaparatismo e fachadas entre os establecementos públicos e os balcóns das vivendas.
A música volve ter unha grande importancia este ano, coa actuación de diferentes grupos folk en distintos puntos da vila, como Xesta Verde, Tympana Gallaica ou Os Melidaos. Na noite do sábado actuarán recoñecidos grupos como Las Antonias, Carlos Bau, La Banda del Camión ou DJ Expósito.
E a gastronomía tamén terá un papel protagonista, coa degustación gastronómica de porco celta ao espeto o domingo a media mañá para tódolos visitantes do Friulio 2022.
Finalmente, o veciño de Friol e director do CPI Doutor López Suárez, Felipe Barata, será condecorado como Persoeiro de Honra deste IV Friulio.