Friol recompila nun libro os cruceiros, cruces, viacruces e esmoleiros da localidade

TerraChaXa | LugoXa
O pasado martes presentouse no Centro Sociocultural de Friol o libro Cruceiros, cruces, viacrucis e esmoleiros do Concello de Friol.
PRESENTACION LIBRO CRUCEIROS FERNANDO ARRIBAS
27 Nov 2022

O pasado martes presentouse no Centro Sociocultural de Friol o libro Cruceiros, cruces, viacrucis e esmoleiros do Concello de Friol, realizado por Fernando Arribas Arias.

Á presentación asistiron alumnos do centro escolar de Friol e tamén persoas do pobo, "que estiveron moi atentas ás explicacións que o autor da obra deu ao respecto do laborioso traballo que tivo que levar a cabo para conseguir recopilar nunha obra tan completa todos estes tesouros de Friol", explicou o alcalde, José Ángel Santos.

Este traballo de inventariado dos cruceiros, cruces, viacrucis e esmoleiros de Friol comezou no ano 2019, promovido por Fernando Arribas Arias (autor), con quen colaborou Pilar Racamonde, e que tamén contaron coa participación de alumnos do CPI Doutor López Suárez, que é o centro escolar público do municipio. Tamén contou Fernando Arribas coa axuda de veciños que lle botaron unha man coa localización de algúns destes puntos, e con información histórica acerca dos mesmos.

Este traballo levado a cabo, principalmente, por Fernando Arribas, culminou coa publicación do mesmo por parte do Concello de Friol, que fixo a edición desta obra.

"O Concello de Friol quere, coa publicación de este traballo, seguir coa labor de poñer en valor a cultura e a riqueza etnográfica que teñen en ese municipio", di Santos.

O Concello de Friol, a través do seu alcalde Jose Á. Santos, quere agradecer a Fernando, a Pilar, ao alumnado do CPI Doutor López Suárez, e aos veciños e veciñas que colaboraron en esta recollida de historias, imaxes, localizacións, e todos os datos necesarios, "para que este completo e interesante traballo puidera ver a luz".

O mesmo alcalde de Friol indicou que “desexo que este libro axude a que a nosa veciñanza coñeza un pouco máis a riqueza da que podemos desfrutar tan preto de nós, e dispersa pola inmensa maioría das 32 parroquias que conforman o municipio, e tamén espero que este inventario, de parte da riqueza etnográfica da que dispoñemos os friolenses, xunto con moitas outras cousas que ver, visitar, sentir, e desfrutar en Friol, supoña un incentivo para toda aquela xente que decida visitarnos”.

0.10509920120239