Friol renova a localidade de Miraz cun investimento de 150.000 euros

O núcleo rural de Miraz, en Friol, estrea unha nova imaxe grazas ás obras de humanización que o Concello leva a cabo co apoio da Xunta de Galicia. Cun investimento próximo aos 150.000 euros e executadas pola empresa pública Tragsa, estas melloras supoñen un impacto directo na calidade de vida dos veciños, que xa perciben como as súas rúas e camiños recuperan un estado óptimo para o uso diario.
Durante anos, os residentes desta parroquia conviviron con accesos deteriorados. Agora, dispoñen dun entorno máis seguro, accesible e agradable para pasear e desfrutar das zonas comúns. “Seguimos traballando para que os accesos aos nosos núcleos rurais se manteñan no mellor estado posible, e para que as parroquias poidan ser desfrutadas ao máximo. Todo require facelo paso a paso, pero sempre co obxectivo de ofrecer o mellor para o noso municipio”, sinalou o alcalde, José Ángel Santos.
O rexedor tamén quixo agradecer expresamente o apoio da Xunta de Galicia, que financia integramente a actuación, permitindo facer realidade estas melloras.
O proxecto contempla intervencións técnicas orientadas á mellora do viario municipal e á integración de espazos de descanso e zonas verdes. Primeiro procedeuse á demolición do pavimento deteriorado, mantendo a rasante e evitando que as rúas superen a cota das vivendas. Nas áreas sen formigón ou asfalto realizouse a preparación do terreo para o seu posterior formigonado. Posteriormente, instalouse un novo pavimento de formigón desactivado —coñecido como árido visto ou formigón lavado—, colocáronse dous bancos sobre pavimento de granito e habilitouse unha pequena zona verde para uso veciñal.
Con esta actuación, o Concello de Friol non só repara as vías en mal estado, senón que tamén transforma Miraz nun núcleo máis humano e acolledor, reforzando a súa identidade como espazo rural de convivencia.