Friol reparte material de protección para todo o alumnado do municipio
O novo curso escolar está a punto de comezar, e o equipo de Goberno do Concello de Friol quere que todas as alumnas e alumnos do pobo dispoñan de equipos de protección axeitados para que esa volta ás aulas se faga da forma máis segura posible.
O protocolo para iniciar o curso indica a obriga do uso de máscaras por parte de todo o alumnado a partir dos 6 anos e recomenda o seu uso dende os 3 anos. Ademais das máscaras, a limpeza e desinfección das mans é moi importante para intentar protexernos e frear esta epidemia que estamos a sufrir.
Por todo isto, dende o Concello de Friol están a repartir uns lotes compostos por máscaras reutilizables, botes de xel desinfectante e unha funda para gardar as máscaras. Entregarase un lote como o que se detalla a todo o alumnado do municipio, curse no C.P.I. Doutor López Suárez de Friol, ou en centros asentados no exterior.
O equipo de Goberno dirixido por Jose Á. Santos considera necesario investir na seguridade dos máis novos do pobo, e con esta medida tamén axudar ás familias do alumnado, intentando frear os posibles contaxios que se puideran producir durante a nova tempada lectiva.
O alcalde José Ángel Santos destacou a importancia de esta iniciativa "para seguir na liña de cero contaxios entre a poboación do municipio de Friol e minimizar os riscos de contaxios, tratando a vez de aliviar ás familias co gasto extra que pode supoñer a compra de máscaras e xel desinfectante para os máis novos da casa".