Friol reuniu a centos de persoas na Festa do Porco Celta, que destacou o valor desta raza autóctona

LugoXa | TerraChaXa
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, salientou a importancia dos produtos amparados polo selo de calidade Artesanía Alimentaria
festa-do-porco-celta-de-friol
29 Mar 2026

O municipio de Friol acolleu a oitava edición da Festa do Porco Celta, unha cita que congregou a centos de persoas arredor da gastronomía, a tradición e a posta en valor deste produto autóctono. A xornada desenvolveuse cun amplo programa de actividades que combinou degustacións, música e momentos de convivencia.

A celebración comezou cunha animada sesión vermú amenizada por Louband, na que non faltaron os petiscos como cortadores de xamón e degustacións de embutidos. O prato forte chegou coa comida popular, celebrada na Praza Andón Cebreiro, onde os asistentes puideron degustar cocido de porco celta nun ambiente multitudinario. Pola tarde, a festa continuou coa música, primeiro de novo con Louband e posteriormente coa actuación de Jinetes del Trópico, que puxeron o peche festivo á xornada.

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, destacou a relevancia desta cita e agradeceu a implicación das entidades colaboradoras, entre elas a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e Asoporcel, subliñando o seu papel na promoción e valorización do porco celta. Tamén puxo en valor o traballo dos gandeiros que se dedican á cría desta raza autóctona.

Entre as autoridades asistentes estivo o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, quen salientou a importancia dos produtos amparados polo selo de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria, no que se inclúen elaboradores de derivados cárnicos de porco celta. Ademais, destacou que iniciativas como esta non só contribúen á promoción dos produtos agroalimentarios, senón que tamén funcionan como motor de dinamización económica, social e turística no rural.

A Festa do Porco Celta consolidouse así como un evento de referencia en Friol, reforzando a conservación desta raza autóctona e promovendo o consumo de produtos de calidade vinculados ao territorio.

0.11540699005127