Friol tramitou no 2022 case 300 solicitudes para acceder a recursos de índole social
O Concello estima sacar a concurso público o servizo de axuda no fogar a comezos do mes de febreiro, co obxectivo de mellorar si cabe o servizo, así como dunha importante mellora na parte económica e laboral das traballadoras do mesmo.
Dende os Servizos Sociais do Concello de Friol durante o ano 2022 foron atendidas algo máis de mil persoas, tramitándose 282 solicitudes para acceder a distintos recursos e prestacións. Cabe destacar unhas 40 solicitudes de valoración de dependencia, 24 solicitudes de valoración de discapacidade, 24 solicitudes de distintos programas de ocio para maiores, 17 solicitudes de bono social eléctrico e 10 de ingreso mínimo vital, entre outras, realizadas por este servizo.
Durante o ano 2022 foron atendidas unhas 130 familias a través do Servizo de Axuda no Fogar, con 32.617 horas recibidas nos domicilios das persoas usuarias.
Foron 107 as persoas usuarias recoñecidas con distinto grao de dependencia. Destacar que tres cuartas partes das persoas beneficiarias superaban os oitenta anos de idade e 23 das atendidas eran persoas que vivían soas no seu domicilio.
Este servizo é prestado polo Concello de Friol a través de unha empresa externa, con máis de 40 auxiliares de axuda no fogar, todas elas mulleres, sendo este equipo o encargado de executar este programa, tanto na modalidade de Dependencia como de Libre Concorrencia.
Cabe salientar que o contrato coa empresa adxudicataria do servizo está a piques de rematar, polo que desde os servizos técnicos do Concello están elaborando os pregos para convocar de novo o servizo, uns pregos que pretenden mellorar considerablemente as condicións económicas das traballadoras, así o como os dereitos laborais de cada unha, desde o Concello estiman que no vindeiro mes de Febreiro comezarán o novo proceso de adxudicación do servizo.
O alcalde José Á. Santos quixo ter unhas palabras de agradecemento para todas esas profesionais, “quero repetir unha vez mais que son consciente de que este traballo, o de auxiliar na atención ás persoas maiores dependentes, vai máis aló da formación e da experiencia, é moi importante a vocación de axuda aos demais e a súa capacidade de adaptación para darlle a cada paciente no seu fogar o que precisa en cada momento, polo tanto, dende o Concello de Friol queremos agradecer a estas profesionais todo o esforzo que levan a cabo cada día para que os nosos maiores teñan a mellor calidade de vida posible, e isto non sería posible sen todas elas”.
Segundo o alcalde indica que “o Concello continúa estando, e sempre o fará, ao lado dos nosos maiores, neste caso ao lado dos que teñen algún grao de dependencia dentro do noso municipio, porque consideramos que este é un servizo prioritario para a sociedade, e polo tanto, para o noso Equipo de Goberno”.
É un servizo de gran importancia para a poboación de Friol, pois trátase de dar asistencia a unha cantidade moi importante de persoas maiores, dispersas en 27 das 32 parroquias que conforman o municipio.