Friol volverá ter por segundo ano consecutivo as axudas á natalidade
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, xunto co seu equipo de Goberno, está a preparar as liñas básicas do que será o orzamento do ano 2020, entre as que se atopa de novo o apoio á natalidade, "dada a boa acollida e os bos resultados que obtivo esta axuda durante este primeiro ano", indica. Desde o equipo de Goberno consideran a importancia de facer de novo o "esforzo económico que implica o manter, e mesmo aumentar", o importe subvencionable por segundo ano consecutivo. Desde o Concello consideran que habilitar axudas deste tipo serve "como mecanismo para fixar poboación no municipio".
No ano 2020 Friol converterase nun dos municipios de España punteiros en canto a prestar axuda á maternidade. Isto pode facerse desde o Concello "dada a boa situación económica da que goza dita institución, e tamén porque Galicia é a Comunidade Autónoma onde se destina máis diñeiro a medidas sociais".
"O que pretendemos con este aumento de partida é continuar con este mecanismo, co que se beneficiaron unhas doce familias durante o primeiro ano de implantación no noso municipio", di o alcalde.
A poboación de Friol tivo unha evolución similar á de moitos outros municipios galegos. Se botamos a vista atrás vemos que no ano 1940 Friol alcanzou os 10.667 habitantes. A partir de entón iníciase unha curva descendente na gráfica con moita intensidade ata o ano 1981, data na que contaba con 5.724 habitantes. Actualmente a poboación de Friol rolda os 4.000 habitantes.
Desde o Concello pensamos que "se debe dar un paso máis e deste xeito imos incluír no orzamento do ano 2020 unha partida duplicada, con respecto ao ano anterior, para conceder unha axuda directa de 1.000 euros, a todos os nacementos e adopcións do municipio para partir do día uno de xaneiro, como tamén se obsequiará ás familias cun lote de produtos de primeira necesidade para o recentemente nado, valorado nuns 200 euros.
Ditas familias deben cumprir uns requisitos mínimos establecidos na base reguladora destas axudas, que serán públicas a partir do 1 de xaneiro, por exemplo que os pais deben ter unha antigüidade no padrón municipal como mínimo de dous anos e un compromiso por parte dos mesmos de que despois de percibir dita axuda, tanto os pais como os fillos, deben continuar no padrón polo menos durante dous anos máis, entre outros requisitos mínimos.
Segundo indica Santos, "nos últimos tempos, desde o Concello, está a traballarse na creación de tecido industrial para fixar poboación, desenvolvemento do polígono industrial, fomento do sector primario co mantemento dos accesos e coa instalación de importantes granxas, panaderías e queserías coñecidas dentro e fóra de Galicia, etc…
"Dada a implicación de todos os sectores, tanto de carácter público como privado, estamos a conseguir que a curva descendente modérese e non sexa tan pronunciada, por tanto, desde o Concello debemos continuar con políticas encamiñadas ao asentamento de poboación, a parte doutras medidas que estamos a valorar implantar. Entendemos que o apoio á natalidade é fundamental para lograr o obxectivo final que non é outro que conseguir, entre todos, que a curva se transforme en ascendente"