FRUGA cre que "o anuncio do adianto da PAC é pura propaganda da consellería"
A Conselleira do Medio Rural ven de anunciar o adianto no pagamento das subvencións da PAC 2017, tanto axuda a vacas aleitantes, como vacas de leite, como o abono do pagamento único e pagamento verde. Este adianto supón o pago dunha porcentaxe destas axudas.
Este ano a Unión Europea permitía facer este anticipo das axudas a partir do 16 de outubro e noutras comunidades os labregos xa cobraron este adianto das subvencións en datas pasadas. Pero, "a consellería do Medio Rural, fai este pago nas mesmas datas que anos anteriores, tendo en conta que na campaña 2016 este abono fíxose na última semana de novembro dese ano", segundo recordan dende a Federación Rural Galega - FRUGA.
Os responsables do colectivo consideran que "o único que fai a conselleira do Medio Rural é mera propaganda tendo en conta que o anticipo se fai á mesma altura que en anos anteriores. Igualmente noutras comunidades xa se realizaron esta pagamento en datas pasadas, caso de Castela León, algo que tamén se puido realizar na comunidade galega, pero a consellería non foi capaz de facelo".
Ademais, engaden que "este ano as condicións climatolóxicas, foron totalmente desfavorables, dende as importantes xeadas, a seca, o brote de incendios, …. toda esta serie de factores minguou seriamente os beneficios das explotacións, e como tal parécenos que dende a Xunta de Galiza había que ter isto en conta, e adiantar o máximo posible as axudas PAC que se permitiran abonar".
En datas pasadas a consellería do Medio Rural, publicaba un decreto para paliar as perdas derivadas da seca; "pero, no fondo, estamos a falar da compra de maquinaria ou ben de axudas para facer pozos destinadas de cara ao futuro, pero o que precisan a día de hoxe as explotacións galegas é liquidez para poder mercar a forraxe necesaria para os seus animais. É curioso como boa parte destas axudas non partiron da administración, senón que partiron de grupos de gandeiros, que se organizaron para subministraren o forraxe preciso a moitos gandeiros, que viron como o lume lles levaba por diante as súas colleitas. Por que neste caso o papel da conselleira do Medio Rural limitouse a ir facer unha foto ás zonas afectadas".
Así, FRUGA esíxelle a conselleira do Medio Rural que "se deixe de tanta propaganda e que dunha vez por todas faga un traballo serio, que permita frear un importante abandono do medio rural que vivimos a día de hoxe. As explotacións agrogandeiras galegas, na maior parte dos casos precisan de liquidez, para paliar as enormes perdas que sufriron como consecuencia da climatoloxía adversa sufrida o longo do ano, e a día de hoxe non obtiveron ningún tipo de axuda. Falar da contratación de seguros ou falar de falsos adiantos da PAC non serven para paliar as difíciles situacións que están a vivir os labregos galegos".