Fruga demanda á Xunta que cubra as prazas vacantes nas oficinas agrarias comarcais

TerraChaXa | AMariñaXa
A Federación Rural Galegan manifestou a súa crítica á situación das oficinas agrarias comarcais, que non teñen cubertas todas as súas prazas.
24 Mar 2019

A Federación Rural Galegan manifestou a súa crítica á situación das oficinas agrarias comarcais, que non teñen cubertas todas as súas prazas.As Oficinas Agrarias Comarcais, dependentes da Consellería do Medio Rural, supoñen un importante servizo para as explotacións agrogandeiras do país. Unha importante cantidade de trámites realízanse en ditas oficinas, como poden ser transferencias de explotacións, tramitación e certificación de plans de mellora, transferencias de dereitos da PAC, e outros moitos, converténdose así estas dependencias en lugar clave para as xestións burocráticas dos labregos e labregas da Galiza.
"Actualmente vemos como a Consellería do Medio Rural, está efectuando importantes recortes nestas dependencias, que podemos cualificar de desmantelamento, chegando a ter, nestes momentos, 100 prazas vacantes de persoal técnico agrario e outras tantas cubertas por persoal interino. Así nos encontramos con oficinas que non dispoñen de técnicos para poder realizar as súas labores, e outras, das que dependen un grande número de explotacións, cun só técnico, caso da oficina comarcal de Lugo", indican.
No caso da axencia de Lugo, "a carencia de técnicos, pode converterse nun grande problema, debido a que un importante número de axudas están sen certificar, labor que depende destes técnicos. Concretamente estamos a falar de contías dun total de 10 millóns de euros, que de non seren certificadas, non está garantido o seu cobro, e suporía importantes perdas para as explotacións que fixeron inversións nos últimos tempos", engaden.
Fruga considera que a carencia de persoal nas axencias de extensión agraria, pode supor "importantes perdidas para as explotacións agrogandeiras do noso país, polo que para nós o anuncio feito polo presidente da Xunta, ao inicio desta lexislatura, de a considerar como a lexislatura do rural, foi un brinde ao sol ou unha fraude".
Desde a Fruga "consideramos que as actuais Oficinas Agrarias Comarcais, continuadoras das antigas Axencias de Extensión Agraria, teñen unha misión importante que cumprir, non soamente nos tramites burocráticos, senón tamén como instrumento de promoción, acompañamento e colaboración cos e coas profesionais na toma de decisións á hora de facer fronte aos novos retos como poden ser as novas pragas, os requisitos da condicionalidade ou a seguranza alimentar, por citar algúns. En definitiva, para a Fruga as persoas que traballan nas Oficinas Agrarias teñen de ser o que sempre foran desde os comezos da Extensión Agraria catalizadores públicos para contribuír a ter un mundo rural mais vivo e dinámico".
Por todo isto a FRUGA demanda que se dote o agro galego, dunha nova estrutura adaptada ás novas realidades do mundo rural, "co fin de garantir unha maior eficiencia, e facilitar os tramites os labregos e labregos, tendo en conta que cada dia vamos mais a unha administración mais dixitalizada".
"Esta política que se está levando adiante dende a Consellería do Medio Rural, amosa o nulo interese que este goberno ten pola mellora das condicións de vida no medio rural. Non se entende que a dia de hoxe se poidan perder axudas como consecuencia de non cubrir postos de traballo nas axencias de extensión agraria. Dende a Federación Rural Galega esixímoslle ó conselleiro do medio rural, que cubra tódalas necesidades de persoal que se precisa nas oficinas agrarias", conclúen.

0.14080190658569