Fruga rexeita a modificación do regulamento da IXP Ternera Gallega Suprema
Perante as propostas de modificación regulamentaria, dentro da IXP Ternera Gallega, en relación coas novas condicións que ten de cumprir a categoría Suprema, desde Fruga manifestaron o noso desacordo con esta nova medida, "tendo en conta, que vai supor un serio prexuízo para moitas gandarías galegas, que realizan un sistema de manexo totalmente extensivo".
"Con esta proposta o Consello Regulador parece indicar que todos os problemas da categoría Suprema se reducen ao proceso de acabado e en consecuencia para o solucionar teñen de se adoptar novas esixencias. Esixencias que van supor que todos os xatos terán de ser estabulados antes de ser sacrificados", din.
Indican que de se impor vai impedir que moitas explotacións que optan polo sistema extensivo e pola alimentación en base a pastos, rotando nas distintas parcelas, non podan ser clasificadas como de Ternera Gallega Suprema.
Fruga non entende esta proposta, "xa que a súa aplicación pode provocar un descenso importante no número de xatos sacrificados baixo esta categoría, na medida en que perante a necesidade de ter de afrontar gastos para adecuar as instalacións, e mesmo a posibilidade de acrecentar as dificultades no manexo das explotación, estas poden non optar por este método de finalización e en consecuencia prefiran optar por vender os xatos ao finalizar o período de aleitamento, aínda a costa de ver minguados os seus ingresos, e deste xeito o que se verá acrecentado vai ser o número de xatos que van ser sacrificados como animais de cebadeiro. Sen descartar o peche de numerosas explotacións de extensivo que cumpren unha grande función social, económica e de loita contra o lume. A non esquecer que a maioría destas explotacións se encontran nas zonas de montaña da Galiza, a mais desertizada".
"A filosofía da agro-industria, con respecto a este tema é moi clara, prefiren unha redución da Suprema, utilizando esta marca única e exclusivamente como produto reclamo que lle dá un grande prestixio a IXP perante os e as consumidoras, e por detrás sacrificar o maior número de animais de Ternera Gallega Normal, a través de fenómenos de integración, e outro tipo de métodos intensivos de produción", engaden.
Afirman que nestes momentos estamos observando como os cebadeiros, perante a redución do número de vacas de leite que se está a dar no país, precisan mercar os xatos para cebar noutras gandarías, e evidentemente soamente os van poder substituír mercando-os nas gandarías que fiquen excluídas da categoría Suprema, conseguindo que unha parte das explotacións extensivas do país se convertan en materia prima dos cebadeiros.